publicidade hoxe

O festival Hércules Brass regresa a Celanova con nove concertos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCelanovaLocal PortadaOurense
A-
A+

A música será a protagonista da programación cultural de Celanova do 31 de xullo ao 4 de agosto co Festival Internacional Hércules Brass. A cuarta edición deste encontro ofrecerá no municipio ourensán nove concertos e un curso de vento-metal impartido por recoñecidos intérpretes para os preto de 90 alumnos e alumnas que participan este ano na iniciativa.

As actividades que se realizarán no marco do festival foron presentadas esta mañá por dous dos integrantes do grupo Hércules Brass, Rodrigo Rodríguez e Alejandro Vázquez; polo alcalde de Celanova, José Luis Ferro; polo deputado de Cooperación da Deputación de Ourense, Pablo Pérez; e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que puxo en valor as dúas vertentes principais do festival: por unha banda a de formación teórica e práctica para o alumnado, a cargo de intérpretes nacionais e internacionais de recoñecido prestixio, e, por outra, de divulgación musical, en tanto que escaparate artístico de músicos e de formacións de vento-metal.

O cartel da cuarta edición

Durante cinco días, Celanova reunirá algúns dos profesionais de trombón, de trompa, de tuba ou de trompeta máis destacados de Galicia, pero tamén de orquestras sinfónicas e agrupacións de diferentes procedencias, cunha enorme traxectoria no plano artístico e docente. Fernando Buide, xunto co profesorado do curso, abrirá o festival cun concerto de órgano, o 31 de xullo, ás 18:30 horas, na igrexa de San Salvador.

VigBrass Ensemble, Back to Brass, Hércules Brass Quinteto de Metais, Natalia Ensemble, Hércules Brass Ensemble e o alumnado do curso completan o recital de actuacións, que rematarán o 4 de agosto, ás 23:45 horas, no claustro do mosteiro de San Salvador, con Rubén Simeó e a Banda de Música de Celanova.

Formación e programación musical

O Festival Hércules Brass Celanova é unha iniciativa promovida pola Asociación Cultural Xingros, co apoio da Xunta de Galicia, do Concello de Celanova e da Deputación de Ourense, cos obxectivos principais de fomentar o coñecemento e a apreciación musical dos participantes, así como de ampliar e actualizar a súa formación; de ofrecer unha programación musical con grupos e artistas de gran talento e cunha posta en escena de calidade e tamén de dar a coñecer a través da música o patrimonio histórico, literario e cultural da comarca.

A Secretaría Xeral de Cultura vén colaborando con iniciativas como o Encontro Galego de Saxofón e o Festival Peregrinos Musicais en Santiago de Compostela, o Festival Merza Percusión e Campamento Musical 3.0 na Agolada ou o Festival Groba en Ponteareas co obxectivo de favorecer espazos de encontro para a formación musical, para a convivencia, para o lecer, para compartir experiencias e para ofrecerlle ao público en xeral programacións musicais diversas e de calidade.

20 de xullo de 2017 | 14:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.