publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Festiclown de Vilagarcía celebrará a súa edición máis internacional do 10 ao 15 agosto

O Festival Internacional de Clown de Galicia, Festiclown, volve ter lugar por terceiro ano consecutivo en Vilagarcía de Arousa, onde do 10 ao 15 agosto celebrará a súa edición máis internacional a prol da difusión e da reivindicación das artes escénicas do circo e dos pallasos a través dun programa maioritario de teatro de rúa.

De feito, o cruzamento de dúas vías principais da zona peonil da localidade arousá acolleu esta mañá unha pequena actuación da compañía Os Sete Magníficos Máis Un para a presentar os contidos do Festiclown 2017, un dos nove festivais escénicos galegos que contan este ano con subvención da Xunta de Galicia a través das axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Para deixar testemuño deste apoio, participou no acto o director da Agadic, Jacobo Sutil, xunto co alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, o cordinador do Festiclown, Nacho Fungairiño, da cooperativa Culturactiva, e demais representantes institucionais e privados que colaboran co certame.

Solidario e lúdico

Na súa intervención, Jacobo Sutil, incidiu na posta en valor do xénero clown que se fai anualmente desde este evento, tanto pola función social e reivindicativa do teatro que tradicionalmente representa, como polas súas posibilidades de achegamento escénico que lle brinda a todos os públicos en calquera tipo de escenario, “sempre buscando o sorriso, pero propiciando tamén a reflexión”, dixo. O director da Agadic apelou tamén as características solidarias, participativas e lúdicas do Festiclown.

Na súa vindeira edición, o Festiclown desenvolverase practicamente na súa totalidade nas rúas para chegar a toda a cidadanía. Ademais, este ano recibe algúns dos nomes máis destacados da escena internacional, como a compañía belga Okidok, coa cómica Slips, a Fundación Tchyminigagua, que trae desde Colombia os seus impresionantes números de zancos sobre patíns, ou a brasileira Circo no Ato, que xira por Galicia co seu espectáculo realizado tras un ano de traballo en colaboración coa Central del Circ de Barcelona, o Circo Crescer e Viver e a Escola Nacional de Circo do Brasil. Tamén estará Desastronauts, compañía integrada polo británico Girisho Gordon e por Raquel Veganzones, con sede en Galicia, que presentará o seu espectáculo Máis alto aínda.

Nos apartados Certame Intergaláctico e Superroquiños participarán algúns dos máis recoñecidos grupos de clown, malabares e maxia, como a pallasa Natalia Outeiro “Pajarito”, con A vida tola; a compañía asturiana Vaques, con Ye orbayu; a vasca Malas compañías, con Txatarra; ou as galegas Píscore, co seu Concerto singular (e plural), e mais Circo Chosco, con Forzu2.

O Festiclown, que tamén ofrece un programa formativo mediante tres cursos a cargo de Antón Valén, Laura Muñoz e Mago Teto, estenderase ás parroquias da vila e a outras localizacións pola súa vocación de achegar a cultura a todos os destinos. Así, os lugares de Guillán, Carril, Castroagudín, Solobeira e Cornazo poderán gozar tamén de actuacións do mago Dani García ou de Fran Rei; os nenos e nenas ingresados no Hospital do Salnés recibirán a pallasa Laura Mandarina; e os que asisten ao campamento urbano municipal vivirán a acción inaugural do festival o 10 de agosto.

O carácter solidario do Festiclown quedará tamén patente na parte do programa relacionada coa acción social. Así, a a Gala Solidaria Infantil, o domingo 13 no Salón García, presentará os magos Teto e Dani García, Os Sete Magníficos Máis Un e Jano Costas. A recadación destinarase aos proxectos que Pallasos en Rebeldía desenvolven en diferentes lugares do mundo.

21 de xullo de 2017 | 15:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.