publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O alcalde de Santiago recibe a Serge Haroche, Premio Nobel de Física 2012

Martiño Noriega con Serge Haroche e Jorge Mira

Martiño Noriega con Serge Haroche e Jorge Mira

O rexedor compostelán, Martiño Noriega, recibe o Premio Nobel de Física 2012, Serge Haroche, que está na cidade no marco do programa ConCiencia. O científico asinou no Libro de Honra.

O físico francés súmase así á longa lista de Premios Nobel, Medallas Fields e Premios Abel que xa teñen pasado por Santiago de Compostela grazas ao programa ConCiencia, que neste 2017 alcanza a súa duodécima edición. Haroche pronunciará o vindeiro mércores 19 de xullo, ás 20:00 horas, no Auditorio Abanca, unha conferencia titulada “Como se nutren mutuamente a investigación fundamental e a innovación tecnolóxica”.

Serge Haroche recibiu en 2012 o Premio Nobel de Física polos seus “innovadores métodos experimentais que permiten a medida e manipulación de sistemas cuánticos individuais”.

Nado en Casablanca, trasladouse a Francia aos 12 anos e acabou vinculado aos dous centros máis representativos da elite científica francesa, o Collège de France e a École Normale Supérieure. Alí atopou ao que sería o seu director de tese de doutoramento, Claude Cohen-Tannoudji, Premio Nobel de Física 1997 e visitante do Programa ConCiencia en 2015.

Unha das normas da física cuántica indica que a mera observación dun sistema cuántico individual altera o seu comportamento. Nos anos 80, Serge Haroche marcouse como obxectivo algo que parecía imposible: observar directamente partículas cuánticas individuais sen destruílas. Conseguiuno deseñando enxeñosos experimentos con láseres para estudar fenómenos cuánticos cando a luz interacciona coa materia. Deu capturado fotóns usando unha trampa formada por dous espellos, entre os cales os rebotan fotóns. Deste xeito, Haroche estudounos facendo pasar átomos a través desa trampa.

A través do seu traballo na chamada óptica cuántica non só puido observar estados cuánticos fráxiles (algo considerado ata entón inexpugnable), senón tamén controlalos. Isto supón un dos primeiros pasos para a construción de computadores extraordinariamente rápidos baseados en física cuántica.

17 de xullo de 2017 | 14:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.