publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Nava Castro presenta aos alcaldes do Camiño de Fisterra-Muxía o proxecto da nova sinalización

Nava Castro na reunión cos alcaldes do Camiño de Fisterra-Muxía

Nava Castro na reunión cos alcaldes do Camiño de Fisterra-Muxía

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantivo unha reunión cos alcaldes dos concellos polos que discorre o Camiño de Fisterra-Muxía para presentar o proxecto da nova sinalización que se colocará nesta ruta que milleiros de peregrinos percorren despois de acadar a meta de Santiago de Compostela. É, por tanto, o único itinerario que non remata na capital galega, senón que empeza nela.

Nava Castro, acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, a xerente de Turismo de Galicia, Elena Barca, e o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, quixo que os rexedores dos dez concellos desta provincia atravesados polo Camiño Fisterra-Muxía fosen os primeiros en coñecer en detalle os traballos previstos, que seguen o mesmo modelo executado xa noutras das rutas xacobeas como o Camiño do Norte ou o Camiño Primitivo.

A piques de comezar o proceso de licitación, a reunión serviu para explicar as características do proxecto e as directrices que guían as decisións tomadas ao respecto. Ademais, Turismo de Galicia púxose á disposición de calquera achega dos concellos implicados en relación ás actuacións previstas. O encontro permitiu manter un diálogo con todos os representantes municipais e pór en común cuestións de interese para todos estes concellos, que puideron coñecer cales serán as obras concretas que se executen nos seus termos municipais.

Estas melloras levaranse a cabo exactamente nos concellos de Santiago de Compostela, Ames, Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbría, Corcubión, Cee, Fisterra e Muxía. Segundo os prazos previstos, os traballos poderanse comezar ao inicio do próximo outono.

Con este proxecto, Turismo de Galicia afonda nunha das liñas do Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago, incluído na Estratexia do turismo 2020, no que se conteñen actuacións prioritarias para velar tanto pola conservación como polo mantemento da ruta.

Na antesala do Xacobeo 2021, esta folla de ruta inclúe medidas de sinalización homoxénea e seguridade viaria, ademais doutras encamiñadas a facer da peregrinaxe unha experiencia accesible para persoas con mobilidade reducida ou con discapacidade. O plan, do que xa se executou preto dun 60%, conta cun investimento total de máis de 56 millóns de euros

Máis de 125.000 peregrinos

O Camiño de Santiago segue batendo récords este ano, cun incremento do 10% respecto ao pasado ano. A día de hoxe, xa foron entregadas máis de 125.000 compostelas na Oficina do Peregrino. Cada ano son máis os que deciden seguir a súa peregrinaxe polo Camiño de Fisterra-Muxía, que no seu derradeiro tramo dá dúas alternativas aos peregrinos: continuar ata o Cabo Fisterra ou ata o santuario da Virxe da Barca, ambos fronte ao océano Atlántico.

13 de xullo de 2017 | 12:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.