publicidade hoxe

Música galega e irlandesa, xunto a actividades infantís, compoñen o programa da VI edición do Certame Folk

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSantiago de Compostela
A-
A+

O Certame Folk das festas do Apóstolo celebrará o próximo sábado 22 a súa VI edición, grazas á colaboración entre o Concello e La Voz de Galicia. O segundo tenente de alcalde, Jorge Duarte, foi hoxe o encargado de presentar esta cita, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo delegado territorial do xornal en Santiago, Ignacio Carballo, e por un dos integrantes do grupo Milladoiro, Pepe Ferreirós.

Jorge Duarte reiterou que “o Concello aposta por darlle continuidade a esta colaboración con La Voz de Galicia, para que o Certame Folc siga medrando como o vén facendo”. O concelleiro tamén se mostrou especialmente satisfeito porque “Milladoiro sexa o encargado de pechar este ano a parte musical da xornada, nunha praza como a Quintana na que o grupo xa nos ten dado grandes momentos”

Xornada intensa de actividades

O delegado territorial de La Voz de Galicia en Santiago agradeceu o apoio do Concello ao certame, que “está pensado para todos os públicos e por iso inclúe actividades distintas ao longo de toda a xornada”. Ignacio Carballo explicou que dende as dez da mañá estará aberta a feira de artesanía da Quintana, e a partir das 11:00 horas empezarán as actividades para nenos e nenas, coas actuacións do Trío Refugallo e Peter Punk.

Xa pola tarde, haberá outro espectáculo infantil a cargo de Troula Animación. Ás 19:00 horas comezará un obradoiro de baile tradicional irlandés, coa Dominic Graham School of Irish Dance. Carballo salientou que esta será a primeira vez na que no Certame Folk participe un grupo chegado de fora de España. Esta formación tocará despois a partir das 21:45 horas, a continuación dos vigueses Ghaveta e Lagharteiras. O certame pecharase coa actuación de Milladoiro e será presentado polo músico Xabier Díaz.

Milladoiro, de volta en Santiago

Pepe Ferreirós, un dos integrantes de Milladoiro, explicou que o certame suporá a volta do grupo a Santiago despois de sete anos. O músico recoñeceu que “tocar na Quintana sempre terá un significado especial, porque é un referente para toda a xente do folk”.

Ferreirós adiantou que na súa actuación poderanse escoitar temas novos, pero tamén as cancións de sempre de Milladoiro “que a xente segue pedindo en todos os concertos”. Na actuación participarán os bailaríns Eva Faralde e Jesús Quiroga, e Milladoiro tamén tocará algunha peza con Dominic Graham School of Irish Dance.

Todas as actividades do Certame Folk son de balde.

17 de xullo de 2017 | 14:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.