publicidade hoxe

Medio Ambiente atopa nos eventos festivos un resorte para impulsar a economía circular e o fomento da responsabilidade social e ambiental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A Xunta de Galicia estase a apoiar nos distintos eventos festivos como un resorte para o impulso das estratexias vinculadas á Economía circular e o fomento da responsabilidade social e ambiental. Así o manifestou a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira, que esta mañá participou na entrega de premios do concurso Rasca e Gaña que, con motivo da celebración da festa de San Xoán, púxose en marcha na Coruña dentro do contexto da campaña autonómica para a promoción de eventos sustentables.

Con esta acción a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en colaboración con Ecovidrio, Ecoembes e os concellos participantes, pretende concienciar aos galegos a ás persoas que nos visitan da necesidade de reciclar e de manter actitudes respectuosas co medio ambiente. Así, segundo explicou a directora xeral, o Goberno galego atopou nas citas de maior afluencia de público unha boa maneira de implicar á sociedade na procura da excelencia da calidade ambiental.

Cómpre recordar que a presenza activa nos festexos e citas máis importantes que se celebran en Galicia está baseada nos criterios fixados pola división de Sustentabilidade das Nacións Unidas, que consideran que un evento de baixo impacto ambiental ten que organizarse tendo en conta diversos aspectos, como reducir ao mínimo as emisións de gases de efecto invernadoiro, como o CO2, e o consumo de recursos naturais, e buscando o beneficio para a comunidade local desde o punto de vista social, ambiental e económico durante e ao finalizar o evento.

Concretamente para a festa de San Xoán, fixáronse, ademais, outros tres obxectivos, que son protexer a biodiversiade e os recursos hídricos, aéreos e solo; sensibilizar aos participantes e evitar a produción de residuos e reutilizar ou reciclar os residuos xerados.

Para acadar estes obxectivos, púxose en marcha a acción Rasca e Gaña con Ecovidrio, de tal xeito que as persoas que depositasen vidro nos 15 iglús que se instalaron nos areais de Riazor e Orzán (11) e nas praias do Matadero, San Amaro, Lapas e Oza poderían obter un dos máis de 6.000 premios, entre os que destacan entradas gratuítas ao Aquapark de Cerceda, bicicletas, miniiglús e mochilas.

Resultados

Grazas a esta acción, o mesmo día da festa de San Xoán recolléronse na Coruña 13 toneladas de vidro, case 3 directamente nas praias, e outras 23 retiradas dos contedores nos días posteriores, que serán reciclados grazas ao esforzo dos coruñeses.

Igualmente, valorouse o labor desenvolvido polos 15 monitores medioambientais que desde as 19:30 horas do 23 de xuño ata as 02:00 do 24 estiveron animando aos participantes nas fogueiras a sumarse á campaña de reciclaxe e, máis tarde, entregando as tarxetas de Rasca a Gaña a cada unha das persoas que se achegaban aos iglús a depositar os seus envases de vidro.

De tal xeito, estímase que acudiron á festa de San Xoán 150.000 persoas, e que preto de 50,000 participaron cos monitores de Ecovidrio nesta acción. En total, repartíronse 5.000 agasallos no mesmo día dos festexos e quedaba pendente a entrega das 10 bicicletas que se sortearon durante a festa, que hoxe mesmo recibiron os galardonados.

Guía de sustentabilidade

Paralelamente, o departamento de Medio Ambiente está a traballar nunha Guía de eventos sustentables, que se poderá presentar a finais deste ano. Con este documento búscase implantar hábitos de produción e consumo responsables, tanto por parte das empresas implicadas, como doutras administracións, patrocinadores, voluntarios e do público en xeral.

A organización de acontecementos festivos é un momento propicio para incorporar estratexias vinculadas á economía circular e fomentar a responsabilidade social e ambiental en xeral, polo que se diferenciarán categorías: festas e feiras gastronómicas, festivais e outros eventos culturais e de ocio, eventos deportivos e congresos e outros encontros de traballo de grande afluencia, así como reunións de traballo cun número máis reducido de asistentes.

A guía incluirá ferramentas prácticas para a planificación e organización, execución, avaliación dos resultados obtidos e comunicación para mellorar os aspectos como a xestión de residuos, dado que os eventos xeran grandes cantidades de residuos (plástico, vidro, papel, materia orgánica e aceites de cocina) é imprescindible aforrar recursos, de aí que os residuos constitúan unha peza fundamental na guía. Incluiranse medidas para mercar as cantidades adecuadas, vaixelas reutilizables, optar por envases de gran tamaño e con menos envase, facilitar a compostaxe (prevención), para comprar material aproveitable para outros eventos… (reutilización) e para instalar colectores para cada fracción, colocación de cinceiros, sinaléctica (separación).

Tamén se pretende mellorar o uso da auga e enerxía, fomentando medidas tan sinxela como o aproveitamento das horas de luz e os espazos abertos e con sombra; a mobilidade; a alimentación, optar por alimentos de produción local, de comercio xusto e con certificación ecolóxica, que contribuirá a reducir o impacto do evento e creará un efecto arrastre nas empresas proverdoras e a poboación, a protección do entorno, evitar as zonas protexidas e as épocas máis sensibles, delimitar ben as zonas as que se pode acceder, protexer fisicamente a flora e a fauna; a avaliación de emisións e compensación do impacto.

14 de xullo de 2017 | 14:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.