publicidade hoxe

Licitan por máis de 900.000 euros a rehabilitación integral do CEIP Seixalbo (Ourense) e o CPI Antonio Faílde (Coles)

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaColesLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de licitar as obras de rehabilitación integral do CEIP de Seixalbo, en Ourense, e do CPI Antonio Faílde, en Coles, por un importe de preto de 922.000 euros, cofinanciados con fondos Feder, tal como publica hoxe o DOG.

Os traballos previstos supoñen unha reforma integral (enerxética e funcional) destes dous centros da provincia de Ourense, que precisan dunha actuación para dotar de maior confortabilidade aos usuarios e acadar un aforro nos custes de mantemento

No caso do CEIP de Seixalbo, o orzamento de licitación é de preto de 420.000 euros e un prazo de execución de dous meses e medio. Neste centro, a Consellería de Educación vai levar a cabo unha intervención que abrangue o illamento térmico na cuberta e na fachada, a substitución das carpinterías por outras de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre vidro, a substitución de luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética, e a renovación da instalación de fontanaría e calefacción.

Así mesmo, levarase a cabo a reparación e pintado de paramentos interiores, reformaranse os baños e os aseos e instalaranse falsos teitos illantes nalgunhas zonas do edificio. Toda a información pode consultarse no enlace.

Pola súa banda, no CPI Antonio Faílde, de Coles, tamén se procederá ao illamento térmico nalgunhas zonas do edificio, con pechamentos específicos para tal fin, a substitución de parte das ventás e portas por outras novas e a instalación de equipos de luminarias de alta eficiencia enerxética.

Estas obras foron licitadas por un importe de 501.309,74 euros e un prazo de execución de dous meses e medio. Toda a información pode consultarse no enlace.

Así mesmo, neste CPI a Consellería procederá ao pintado de paramentos interiores, instalará un falso teito no semisoto do edificio destinado a ximnasio e noutras tres estancias a maiores, cambiar a porta de entrada e a porta interior de paso na antiga vivenda do conserxe, e instalará un termóstato na pista polideportiva.

Todas estas medidas supoñen un aforro enerxético estimado que se sitúa entre o 20 e o 30 por cento en ambos centros.

Para levar a cabo estas intervencións de aforro enerxético no eido educativo, -que se enmarcan dentro das actuacións financiadas pola Unión Europea para a redución do CO2-, a Consellería está a realizar estudos de extrapolación enerxética en diferentes centros de Galicia, de tal forma que se poida determinar as accións concretas para acadar este obxectivo tamén nos colexios nos que se vai actuar.

Todas elas enmárcanse dentro do plan de mellora da eficiencia enerxética que se puxo en marcha o ano pasado en toda Galicia e que continúa no presente exercicio, con actuacións en oito centros escolares a razón de dous por provincia, e que suporán un investimento de preto de catro millóns de euros.

18 de xullo de 2017 | 13:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.