publicidade hoxe

Inícianse os trámites para declarar monumento a fábrica da luz da Ponte Nova, en Betanzos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBetanzosLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria -a través da Dirección Xeral de Patrimonio- vén de iniciar o expediente para incluír a antiga fábrica de electricidade da Ponte Nova (Betanzos), coñecida como fábrica da luz, no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia coa categoría de monumento, tal como publica hoxe o DOG .

Desde o punto de vista da relevancia cultural, a fábrica da luz da Ponte Nova é testemuño significativo da introdución da electricidade en Galicia, xa que foi unha das primeiras instalacións deste tipo que se implantaron nas cidades galegas e das que apenas quedan exemplos. Ademais, a calidade do deseño destas instalacións fai que esteamos ante unha obra representativa da primeira arquitectura industrial galega. A singularidade deste ben vese reforzada polo seu emprazamento, na beira da ría de Betanzos, a carón da Ponte Nova de acceso á cidade medieval.

Este ben está constituído por catro edificacións independentes asentadas sobre a mesma propiedade: o edificio principal que albergou a primeira fábrica de electricidade de Betanzos, o serradoiro, un pequeno edificio e un depósito. Á súa vez, a fábrica de electricidade está composta por dous volumes apegados, o primeiro dos cales foi construído no ano 1895 e o segundo na década de 1910. Pola súa banda, o serradoiro foi construído a finais do século XIX.

Autores e estilos

Aínda que non está acreditada a autoría dos proxectos dos edificios, pola estética industrial do primeiro volume da fábrica de electricidade, esta podería atribuírse ao enxeñeiro López-Cortón, mentres que varios autores atribúen a autoría do segundo volume da fábrica ao arquitecto Rafael González-Villar (un dos profesionais máis representativos da arquitectura galega dos primeiros anos do século XX).

As instalacións representan unha mestura de estilos artísticos, xa que cada volume responde a unha estética particular. Así, a nave da fábrica de electricidade ten unha estética industrial; o engadido administrativo responde a un estilo ecléctico-modernista; e o resto dos edificios teñen un carácter tradicional ou popular.

Os precedentes

Segundo a Lei 5/2016, o patrimonio industrial está integrado polos bens mobles e inmobles e os territorios e paisaxes asociados que constitúen testemuños significativos da evolución das actividades técnicas, extractivas, tecnolóxicas, da enxeñaría, produtivas e de transformación cunha finalidade de explotación industrial, nos que se recoñeza a súa influencia cultura sobre o territorio e a sociedade.

As primeiras fábricas de electricidade de Galicia foron instalacións moi singulares e únicas e algunhas delas xa forman parte do Catálogo do patrimonio cultural de Galicia coa denominación de “fábrica da luz”. É o caso das existentes na cidade de Lugo, na parroquia de Santa Cruz de Lesón (Pobra do Caramiñal) e a Casa de Máquinas (Santiago de Compostela). No que respecto a aos serradoiros de madeira, están representados no Catálogo o de Maceira (Covelo) e o de Tal (Muros).

13 de xullo de 2017 | 12:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.