publicidade hoxe

Goretti Sanmartín visita as obras de ampliación da residencia de Boimorto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoimorto
A-
A+

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, visitou o concello de Boimorto e as obras de ampliación da residencia que está previsto que rematen no mes de agosto. As obras suporán unha ampliación de 10 prazas dun centro que experimentará unha nova ampliación coa construción da nova sala de convivencia financiada a través do Plan único de concellos.

Á miniresidencia de Boimorto aumentará a partir de agosto a súa capacidade ao sumar 10 prazas máis dás 22 de residentes e 17 do centro de día, con financiamento da Deputación da Coruña que fixo unha achega de 236.67,06 € a través do Plan de Acción Social. Acompañada da alcaldesa, Mª Jesús Novo, xunto con distintos representantes dos grupos con presenza no pleno e persoal técnico, Goretti Sanmartín visitou as obras de ampliación que suporán un importante incremento da capacidade dun centro que ten cinco anos de existencia e é o único de xestión municipal da provincia.

Na súa visita, a vicepresidenta da Deputación da Coruña detívose nas distintas instalacións da residencia de maiores e interesouse polo estado das obras que responderán a unha parte da lista da agarda que ten o centro. Ademais, Goretti Sanmartín interesouse pola nova sala de convivencia que se construirá proximamente e que suporá un novo espazo para as persoas usuarias que se construirá coa achega de 115.337,80 a través do Plan Único de Concellos. “A ampliación responderá a parte da demanda que existe dun servizo imprescindíbel para que a veciñanza poda seguir vivindo na vellez no seu concello, cunha mellora da calidade de vida para as persoas usuarias e tamén para as súas familias e, ademais, cun incremento de emprego público tamén no propio concello”, sinalou Goretti Sanmartín

Ademais de coñecer o estado das obras da miniresidencia de persoas maiores, Goretti Sanmartín visitou o Punto de Atención á Infancia e o Centro de Maiores, dous espazos máis da área de servizos sociais do concello.

O Concello de Boimorto recibe este ano a través do Plan único de concellos 428.622,60 € dos que destina 150.000,00 a gastos correntes e 115.337,80 á construción da nova sala de convivencia da residencia de persoas maiores. Boimorto está tamén adherido ao programa de financiamento dos Servizos Sociais Comunitarios da Deputación da Coruña que supón unha achega máis de 31.572,68 €.

5 de xullo de 2017 | 14:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.