publicidade hoxe

Goretti Sanmartín recoñece como “embaixadas” da nosa cultura ao alumnado dos Cursos de Lingua e Literatura da RAG

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Como “embaixadas” da nosa cultura polo mundo definiu a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, o alumnado do Cursos de lingua e cultura galegas da Real Academia Galega que se desenvolven en Santiago.

Cando os Cursos de Lingua e cultura galegas, organizados pola Real Academia Galega que contan coa colaboración da Deputación da Coruña, chegan a súa XXX edición, Goretti Sanmartín Rei destacou o seu papel á hora de contribuír a difundir máis alá das nosas fronteiras a nosa lingua e a nosa cultura. “Sodes fundamentais para que o mundo coñeza que aquí hai unha cultura dunha nación sen estado que quere ser, unha lingua e unha literatura que resiste, a pesar dos problemas. Coñeceredes que aquí hai unha comunidade de falantes que quere que a súa lingua resista, un patrimonio tan importante como a catedral de Santiago que admiraderes nestes días”, dixo Goretti Sanmartín diante dun auditorio composto polo alumnado do curso.

Goretti Sanmartín mostrou unha imaxe de segunda edición do curso en 1989 para sinalar as imaxes de Isabel Kerdudo e Robert Neal Baxter que decidiron ficar nunha Galiza que, segundo dixo, “engancha”. Na súa intervención, agradeceulles a participación no curso porque, “non sobran as voces que defendan a nosa lingua” e relatou o episodio dunha estudante polaca que defendía o galego fronte un ataque que se producía nun autobús. “Vindes sen os preconceptos, sen prexuízos co galego e iso é moi interesante para que defendades a nosa lingua con entusiasmo”, sinalou antes de convidar ao alumnado a aproveitar as xornadas para convivir, coñecer o país e participar das súas festas e a súa cultura.

Na presentación participaron tamén a vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Mª do Carme Silva, o director do curso, Henrique Monteagudo, o Director do Instituto da Lingua Galega, Ernesto González Seoane, o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez e o Presidente da Real Academia Galega, Vítor Fernández Freixanes.

3 de xullo de 2017 | 14:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.