publicidade hoxe

Galicia reafirma o seu compromiso co cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sustentable das Nacións Unidas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, interveu nas xornadas en calidade de relator do ditame do CdR sobre o Novo Consenso Europeo ao Desenvolvemento. Na súa intervención, Gamallo recalcou que “para o pleno cumprimento da Axenda 2030 é imprescindible a construción dunha alianza global multi-nivel e multi-actor”. A importancia desta contribución galega maniféstase en que foi recollida polo novo Consenso aprobado o 19 de maio polo Consello da UE, no sentido de implicar aos poderes locais e rexionais no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS).

O Comité Europeo das Rexións (CdR) acolleu hoxe as V Xornadas de cooperación descentralizada ao desenvolvemento, con máis de 600 participantes, autoridades locais e rexionais da UE, de África, Caribe, Pacífico e América Latina déronse cita en Bruxelas co obxectivo de discutir a situación actual e de construír grupos de traballo duradeiros en materia de cooperación ao desenvolvemento. O evento foi inaugurado por Neven Mimica, comisario de Cooperación Internacional e Desenvolvemento, e Markku Makkula, presidente do CdR, contando tamén coa presenza de Klaus Rudischhauser, director xeral de Cooperación e Desenvolvemento da Comisión Europea.

A importancia da cooperación descentralizada

As autoridades locais e rexionais xogan un papel central na consecución dos ODS, aínda máis por mor da nova Axenda 2030. En setembro de 2015, Nacións Unidas (ONU) decidiu aprobar un novo compromiso en materia de desenvolvemento, a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable. Este acordo vai máis alá da tradicional perspectiva de axuda Norte-Sur e pretende, a través dunha acción cooperativa a escala internacional, aliñar a gobernos e actores sociais no esforzo por construír estratexias de desenvolvemento inclusivas. Os ODS están agora conformados por 17 obxectivos transversais, que abarcan non só o tradicional enfoque centrado na pobreza, sino novos ámbitos como o medio ambiente, as cuestións de xénero e a educación.

Neste sentido, Gamallo salientou que “o desafío de cumprir o mandato da ONU en 2030 compétenos a todos. A loita contra a fame, a desigualdade e a falta de acceso aos recursos non está a ser suficiente. É importante ter tamén en conta outros aspectos como a igualdade de xénero, a idade e o medio ambiente, ademais de contribuír a unha gobernanza eficaz e transparente”. O director xeral recalcou que “todo isto só pode lograrse dándolle un enforque transversal na Administración, apostando pola coherencia das políticas en cooperación coas autoridades dos países socios”.

A partir da Axenda 2030, a UE elaborou o recentemente adoptado Novo Consenso Europeo sobre Desenvolvemento, que propón unha formulación diferenciada e adoptada con plena participación, non só dos gobernos, senón tamén da sociedade civil e outros asociados. A necesidade de mobilizar ao máximo número de actores en apoio do cumprimento dos ODS coincide coa visión do Comité das Rexións, que considera que a contorna local e rexional é a máis propicia para favorecer este tipo de alianzas multi-actor. Por iso, nestas xornadas (V Assises da coopération décentralisée) presentáronse publicamente proxectos que demostran como a cooperación descentralizada pode reforzar a estabilidade, a sustentabilidade e o crecemento

O ditame de Galicia no Comité Europeo das Rexións

O ditame galego, titulado Proposta dun Novo Consenso Europeo sobre Desenvolvemento: «O noso mundo, a nosa dignidade, o noso futuro», foi aprobado por unanimidade no pleno do CdR celebrado o pasado 8 de febreiro. Desde entón é adoptado como documento de posición das rexións europeas en materia de cooperación ao desenvolvemento. A proposta de Galicia consiste nun innovador enfoque de cooperación ao desenvolvemento, que actualiza e revitaliza o Consenso de Desenvolvemento comunitario, adaptándoo ao novo contexto internacional e aos compromisos que se derivan da Axenda 2030 de Desenvolvemento Sustentable.

O novo Consenso Europeo recolle varias das contribucións do documento elaborado por Jesús Gamallo, ao implicar ás rexións e cidades nos ODS. Ademais, o ditame de Galicia reclama a mellora da coordinación entre os diferentes niveis administrativos dun Estado Membro, así como unha coherencia entre a política de desenvolvemento e outras levadas a cabo pola Administración pública. Resulta de interese subliñar o rol que a cooperación descentralizada pode ter na Axenda 2030, xa que favorece as sinerxias co intercambio de experiencias entre actores subestatais no ámbito das súas actividades específicas.

10 de xullo de 2017 | 14:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.