publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Galicia contará cun Plan estratéxico da conserva nas vindeiras semanas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada esquerdaRibadumia
A-
A+
O titular da Xunta na visita á fábrica

O titular da Xunta na visita á fábrica

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que nas vindeiras semanas Galicia terá un Plan Estratéxico da Conserva, froito dunha análise pormenorizada da industria conserveira, que permitirá imprimirlle ao sector “un rumbo certo cara ao futuro”. Recordou, ademais, que o sector ten que seguir crecendo de dous xeitos: internacionalizándose e tamén trasladándolles aos máis novos a importancia de consumir peixe e marisco, con campañas de difusión como as que leva a cabo a Xunta.

Fíxoo durante a visita á fábrica de Conservas La Brújula en Ribadumia, unha das máis punteiras do sector, que foi remodelada recentemente. Esta renovación, aplicando a última tecnoloxía para mellorar a conserva tradicional, foi apoiada con 3,2 millóns de euros pola Xunta e está a crear 40 empregos directos. Esta axuda forma parte do paquete de máis de 260 millóns de euros que desde 2009 se destinou a modernizar a industria de transformación agroalimentaria, tendo sempre a innovación como eixo central.

O presidente avanzou que o Goberno galego seguirá contribuíndo a que estas compañías “dean un salto de calidade para poder competir a nivel global”, para o que destinará ao sector outros 96 millóns de euros máis ata 2020. Deste xeito, Galicia poderá manter e reforzar o liderado nun sector que lle dá emprego directo a 12.000 persoas e supón o 2,8% do noso PIB. Non se pode esquecer que España é o segundo produtor mundial de conservas e Galicia representa o 86% da produción a nivel nacional.

Feijóo recalcou tamén que, para garantir e mellorar esta posición de referencia internacional, Galicia debe facer da excelencia a súa bandeira. Concluíu agradecendo a todas as persoas que contribuíron e contribúen a facer grande a conserva galega, un sector —recordou— “que ten claramente nome de muller”

7 de xullo de 2017 | 14:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.