publicidade hoxe

Educación licita a mellora enerxética no CPI Mosteiro por 525.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMeis
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de licitar, por un importe de 525.000 euros cofinanciados con fondos Feder, as obras de rehabilitación integral do CPI Mosteiro, en Meis, tal como publica hoxe o DOG, no enlace:
http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170710/AnuncioG0164-040717-0002_gl.html

Os traballos consistirán principalmente no illamento térmico da fachada, a substitución das ventás máis antigas por unhas de carpintería aluminio con rotura de ponte térmica e dobre vidro, a substitución das luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética con detectores de presenza nas zonas comúns, e a substitución da actual caldeira de gasóleo por outra de biomasa. Segundo os cálculos técnicos realizados, todas estas medidas combinadas conseguen un aforro enerxético anual en torno ao 89 por cento.

Así mesmo procederase á substitución de falsos teitos por placas coas características acústicas axeitadas; o pintado de aleiros e zócalo exterior e a construción dunha rampla de acceso que comunica edificios e colocación dun peche lateral de carpintería de aluminio.

Para levar a cabo estas intervencións de aforro enerxético no eido educativo, -que se enmarcan dentro das actuacións financiadas pola Unión Europea para a redución do CO2-, a Consellería realizou estudos de extrapolación enerxética en diferentes centros de Galicia, de tal forma que se puideran determinar as accións concretas para acadar este obxectivo tamén nos outros sete colexios nos que se vai actuar. De feito, na provincia pontevedresa levaranse a cabo obras similares no CEIP Vilaverde-Mourente, na cidade de Pontevedra, que xa foron licitadas.

Esta actuación enmárcase dentro do plan de mellora da eficiencia enerxética que se puxo en marcha o ano pasado en toda Galicia e que continúa no presente exercicio, con actuacións en oito centros escolares a razón de dous por provincia, e que suporán un investimento de preto de catro millóns de euros.

10 de xullo de 2017 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.