publicidade hoxe

Educación asina un convenio con dez empresas para colaborar na posta en marcha do segundo ciclo de FP dual no IES de Valga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaValga
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinou hoxe convenios de colaboración con representantes de dez pequenas e medianas empresas para a posta en marcha dun novo ciclo de FP Dual de grao medio en Soldadura e caldeirería no IES de Valga cuxo alumnado realizará case a metade da súa formación nas instalacións das devanditas compañías. Este é o segundo proxecto en modalidade dual que se pon en marcha neste instituto, dado que hai dous anos se desenvolveu outro correspondente ao ciclo de grao superior de Construcións Metálicas. Ao acto asistiron, ademais dos asinantes, o director do IES, Roberto Constante Barral Blanco, e o alcalde de Valga, José María Bello Maneiro. Este novo ciclo desenvolverase entre o 15 de setembro de 2017 e o 15 de setembro de 2019.

As empresas colaboradoras no proxecto son ALFOGAR, S.L; Aluminios Padrón, S.A.U.; Barton Maquinaria, S.L.; Gama e Hijos, S.L.; MAIMBAR XXI, S.L.; Sistemas Técnicos de Accesorio y Componentes, S.L.; Talleres ODL de Carpintería Metálica, S.L.; Curvados ANROS, S.L.; TUNE EUREKA, S.A e FUNDIVISA, S.A. Cómpre salientar que boa parte delas tamén colaboraron co primeiro ciclo de FP Dual do IES de Valga, polo que o feito de reeditar o seu apoio neste proxecto é boa proba do éxito desta modalidade e da satisfacción das empresas coa mesma.

En total poderán matricularse no ciclo 18 alumnas e alumnos, que recibirán o 58% da formación no centro educativo e o 42% restante na empresa colaboradora que lle sexa asignada. Cómpre salientar que desta formación no centro do traballo, o 5% será complementaria á recibida no instituto e o resto consistirá nunha actividade profesionalizadora que permitirá ao alumnado familiarizarse coa realidade do mundo do traballo. As empresas comprométense a financiar o proxecto de formación regulado neste convenio, mediante o establecemento dun sistema de bolsas dirixido ao alumnado participante.

Importancia das pemes

O conselleiro de Cultura e Educación quixo agradecer ás entidades colaboradoras, todas elas pequenas e medianas empresas, a súa confianza no ensino público de Galicia e no IES de Valga en particular como canteira de futuros profesionais dos seus respectivos eidos. Non en balde, a especificidade da FP Dual galega baséase na combinación das clases no centros educativo con actividade nas empresas que axude ao alumnado a familiarizarse coa realidade do mundo laboral e das necesidades dos diferentes tecidos produtivos, ao tempo que a compañía pode optar por impartir formación complementaria especializada sobre o seu propio sector.

Román Rodríguez lembrou ademais que a FP Dual que se imparte en Galicia non está subvencionada pola Administración educativa, de tal forma que implica un compromiso real do tecido empresarial coa educación e, máis concretamente, coa formación profesional.

Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia sinalou a necesidade de avanzar da man das empresas para a expansión da FP Dual e, con ela, das oportunidades de emprego para os máis novos. “Non queremos circunscribilo só ás grandes empresas – dixo-, senón que queremos contar con vós, coas pemes, cos que axudades a revitalizar os mercados de traballo das vilas, a fixar a poboación no rural”.

3 de xullo de 2017 | 14:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.