publicidade hoxe

Cores Tourís presenta o obradoiro “Ulla-Umia II” dos concellos de Moraña e Valga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMorañaValga
A-
A+
Cores Tourís na presentación do novo obradoiro en Moraña

Cores Tourís na presentación do novo obradoiro en Moraña

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís presentou esta mañá en Moraña a concesión, por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria, dun novo obradoiro de emprego para este concello en colaboración co de Valga, destinado a albanelería e carpintería.

Na presentación estivo acompañado da alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, e do xefe territorial de Industria en Pontevedra, Ignacio Rial.

Este obradoiro favorecerá a un total de 20 desempregados e, tal e como asegurou Cores Tourís, terá unha duración de 9 meses, cun investimento procedente da administración autonómica de case 280.000 euros.

Os concellos de Moraña e Valga destinarán a este obradoiro, denominado “Ulla-Umia II” a formar e preparar a profesionais que aprenderán a facilitar a sostenibilidade e a accesibilidade para dar unha resposta adecuada as necesidades dos distintos concellos.

Deste xeito, os alumnos levarán a cabo distintas obras como a restauración de lavadoiros de Moraña (pilón de Bouza, Bouza II, Castro, San Pedro, Fonte de Cerdeiras, O Casal, Barosela, As Cortiñas, O Covelo, Vilacoba,Cartamil, Castriño, Pilón e Fonte Santa Cruz) e de edificios municipais do concello de Valga xunto coa fabricación de mobiliario urbán como bancos, papeleires, peche de carballeiras como as de Mos, Feira Vella e Corrigatos, ou tablóns de anuncios para as parroquias. Tamén se reparará o chan da casa da Cultura ADR Castelao.

O delegado territorial recordou que a Xunta vén de resolver a convocatoria deste ano dos obradoiros do emprego nos que investirá 20 millóns de euros, un 10% máis que o exercicio anterior, para aumentar as oportunidades laborais de 1.600 galegos desempregados. En total poranse en marcha 83 programas, 23 deles na provincia de Pontevedra por un importe de 5,5 millóns de euros a través dos que 425 beneficiarios recibirán formación e un contrato de traballo.

Trátase dunha iniciativa, enmarcada na Axenda 20 para o Emprego, que o Goberno galego leva a cabo en colaboración cos concellos e que, polo tanto, fomenta a cooperación institucional. Desenvolveranse 59 obradoiros xerais e 24 específicos (na provincia de Pontevedra 16 xerais e 7 específicos) para menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil para seguir impulsando o emprego entre a mocidade, un colectivo prioritario para a Administración autonómica. De feito, a Consellería de Economía, Emprego e Industria está poñendo en marcha diversas actuacións para os mozos e mozas galegos, como é o programa que se activará nas próximas semanas e que está dotado con 90 millóns para favorecer a contratación de 10.000 menores de 30 anos.

Os obradoiros de emprego, a través dos que os participantes reciben un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado, presentan nesta convocatoria varias novidades, entre as que destacan a ampliación da duración dos programas xerais de 6 a 9 meses. Dáse, ademais, prioridade ás localidades menos poboadas de Galicia para responder así a unha das medidas principais do Plan de formación e emprendemento no rural da Xunta.

Prímanse tamén os proxectos vinculados coa Industria 4.0 e cos sectores estratéxicos e de alto potencial da Axenda Galicia-Industria 4.0, así como aqueles que presentan unha relación co tecido empresarial do territorio. Ademais valóranse as posibilidades de inserción de cada obradoiro e a súa orixinalidade, dándose maior puntuación a aqueles con contidos innovadores, aínda que tamén se tiveron en conta os programas máis tradicionais -aqueles relacionados coa rehabilitación, mellora de espazos públicos ou atención á persoas dependentes.

Unha vez resolta a convocatoria, agora procederase á selección dos alumnos e alumnas a través das oficinas de emprego. Terán preferencia, en xeral, as persoas beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia (Risga); mulleres; vítimas da violencia de xénero; menores de 30 anos; traballadores que esgotaran as prestacións ou subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; persoas sen titulación universitaria ou de FP de grao superior; e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. Estímase que os obradoiros comecen no mes de setembro.

No caso dos obradoiros xuvenís, os participantes deberán tamén estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e as actividades que realicen estarán relacionadas, de ser o caso, coa titulación ou formación previa que posúan. Primaranse a aqueles participantes que non recibiran atención anteriormente no programa de Garantía Xuvenil.

Os obradoiros forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de polo menos 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.

27 de xullo de 2017 | 13:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.