publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cores Tourís comproba os traballos de humanización da travesía Jaime Janer de Marín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarín
A-
A+
Cores Tourís na vista aos traballos de humanización

Cores Tourís na vista aos traballos de humanización

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Marín, acompañado pola alcaldesa da localidade, María Ramallo, co obxectivo de comprobar o inicio dos traballos de humanización da travesía Jaime Janer que se desenvolven a través do Plan Hurbe da Consellería de Medio Ambiente.

José Manuel Cores Tourís tamén estivo acompañado do xefe territorial deste departamento en Pontevedra, José Manuel González, así como por representantes da empresa adxudicataria.

Estes traballos execútanse grazas a un convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o concello de Marín a través do cal se destinarán 150.000 euros para a renovación de beirarrúas, ampliación das redes de abastecemento e saneamento e a instalación e acondicionamento de mobiliario urbano nesta céntrica rúa da localidade.

Segundo matizou durante a visita o delegado territorial, “con esta obra pretendemos dar unha solución ao tramo máis urbano desta vía a través dunha actuación accesible, mellorando a accesibilidade e a calidade de vida dos veciños”.

De feito, a solución para a mellora desta vía permitirá ampliar o ancho das beirarrúas ata 2,05 metros, dispoñéndose unha calzada central para a circulación de vehículos cun ancho de case 3 metros. Ademais, óptase por unha pavimentación de pedra de granito para as beirarrúas, separándose da calzada cunha fileira de bordo tamén de granito. Proxectarase a renovación das redes de saneamento existentes, tanto pluviais coma residuais e de auga potable, deixándose as canalizacións subterráneas a ambos lados da rúa para futuros soterramentos de rede eléctrica e iluminación.

Tamén se colocarán bancos e papeleiras e bolardos fixos para protexer a circulación peonil do tráfico rodado.

Este investimento inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010 polo Goberno galego e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.

Ao abeiro do Plan Hurbe, téñense investido desde a súa posta en marcha un total de 112 millóns de euros. O investimento para toda Galicia ascende a uns 11 millóns de euros: 6 millóns previstos nos orzamentos, máis unha ampliación de 5 millóns grazas ao orzamento recibido polo cumprimento da comunidade autónoma co déficit.

3 de xullo de 2017 | 14:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.