publicidade hoxe

Cores Tourís comproba as melloras das infraestruturas executadas na escola infantil de Meis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMeis
A-
A+
Cores Tourís na visita a Meis

Cores Tourís na visita a Meis

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís visitou esta mañá a Escola Infantil de Meis, invitado polo alcalde do municipio, José Luís Pérez, co obxectivo de comprobar as melloras executadas neste centro a través dunha orde de axudas da Consellería de Política Social.

José Manuel Cores Tourís estivo acompañado da xefa territorial de Política Social, Marta Iglesias.

A Xunta aportou case 22.500 euros, cos que se puideron instalar novos xogos infantís e mellorar o aspecto e a funcionalidade actual do patio de entrada á escola que serve como espazo de reunión para pais, profesores e nenos.

Deste xeito, cos novos xogos completouse e mellorouse o equipamento lúdico da escola. Por outra banda, axardináronse os laterais do patio mediante unhas xardineiras de obra que inclúen bancos para mellorar o seu aspecto, plantándose tamén diversos tipos de arbustos e plantas ornamentais xerando un espazo de maior calidade.

Grazas a estes investimentos, melloráronse unhas instalacións nas que, na actualidade, están a ser atendidos 39 nenos, o que redunda favorablemente no desenvolvemento dos procesos de aprendizaxe e na mellora da súa efectividade.

A Consellería de Política Social subvencionou, a través da liña de axudas de mellora das infraestruturas e equipamentos, un total de 10 proxectos de reforma en escolas infantís e puntos de atención á infancia (PAI) na provincia de Pontevedra en 2016, cun orzamento para toda Galicia de 1,5 millóns de euros. Os beneficiados foron Caldas de Reis, A Cañiza, Catoira, A Estrada, Meis, Mondariz-Balneario, Ribadumia, Rodeiro, Valga e Vigo.

Segundo indicou Cores Tourís, para o presente ano, a convocatoria está a piques de rematar, recordando que a súa finalidade é “mellorar ditos centros así como os puntos de atención á infancia (PAI) de titularidade municipal a través da realización das obras menores e da compra do equipamento preciso, na consideración de que a calidade das infraestruturas e do mobiliario e recursos educativos utilizados son un factor básico de impulso da calidade da atención prestada”.

Con estas axudas facilítase a posta en marcha inmediata de recursos de atención á infancia que estean unicamente pendentes da dotación de equipamento, co que se aumentará a dispoñibilidade de prazas de atención á infancia. Igualmente mellorarase a calidade da atención recibida nos que xa veñen funcionando.

Esta convocatoria enmárcanse no programa operativo FEDER Galicia para o período 2014-2020 e o financiamento articulouse a través dunha convocatoria pública de subvencións baixo o réxime de concorrencia competitiva. Ao abeiro desta convocatoria foron subvencionables obras menores de adecuación e mellora das infraestruturas, obras novas de escasa contía que doten ao edificio de servizos necesarios, adquisición e mellora do equipamento do centro (incluída a compra de mobiliario interior e exterior e de material didáctico e de xogo), e a dotación de conexión a internet e compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías na aula.

As axudas foron financiadas en moitos casos ata o 100% do investimento subvencionable. “Estas actuacións son complementarias das accións de investimento para mellora das escolas infantís da rede Galiña Azul”, engadiu Cores Tourís, quen recordou que a “ atención á infancia e o apoio ás familias é unha das liñas estratéxicas de actuación da Consellería de Política Social. Investir na atención á infancia aumenta a equidade dos resultados educativos e reduce os custes para a sociedade en perda de talento e en gasto público en benestar, sanidade e incluso xustiza”.

A todo o anterior hai que sumar a orde que foi publicada o pasado 12 de xuño e que ten como obxectivo o apoio á mellora e mantemento das escolas infantís de 0 a 3 anos dependentes de entidades privadas de iniciativa social sen ánimo de lucro, e que conta un orzamento global de 600.000 euros.

Bono concilia

Por outra banda, o delegado territorial tamén quixo recordar a posta en marcha do Bono Concilia, que outorgou en 2016 preto de 2.600 axudas que con contribúen ao pago dunha praza de escola infantil privada naqueles casos de solicitantes que non a consigan nunha escola ou recurso público para nenos de cero a tres anos, recibindo Pontevedra 1.396 achegas.

“O obxectivo para o vindeiro curso escolar seguirá a ser que non haxa lista de agarda e p ara conseguilo, a administración autonómica ofertará un total de 22.439 prazas sostidas con fondos públicos en escolas infantís”, explicou Cores Tourís, quen engadiu que “esta cifra supón que, un ano máis, Galicia superará a ratio aconsellada pola Unión Europea (33%), situándose nun 30% de cobertura, o que supón un punto máis que o ano pasado”. Delas, 9739 son prazas públicas en centros xestionados directamente pola Consellería de Política Social. A atención á infancia, o apoio ás familias e favorecer a conciliación, son liñas estratéxicas da Xunta e as escolas infantís son un dos piares fundamentais para facer máis doado que os pais e nais poidan compaxinar a vida laboral, familiar e persoal. “Por elo, cada ano incrementamos a cifra de prazas públicas á disposición dos nosos nenos e nenas e aqueles que non consigan praza, poderán contar co Bono concilia”, asegurou o responsable territorial.

4 de xullo de 2017 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.