publicidade hoxe

Consellería de Educación e concello de Arteixo reafirman o seu compromiso coa FP Básica no IES de Sabón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixoLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o concello de Arteixo veñen de referendar a súa colaboración institucional en materia de Formación Profesional Básica no IES de Sabón. O titular do departamento educativo do Goberno galego, Román Rodríguez, e o alcalde da localidade, Carlos Calvelo, asinaron hoxe un convenio para o funcionamento e a organización dos ciclos básicos de Cociña e Restauración (da familia de Hostalaría e Turismo) e de Electricidade e electrónica (da familia profesional con esta mesma denominación) no Instituto de Sabón, con 20 prazas cada un deles.

Ao abeiro deste acordo, a Consellería de Educación encargarase de aportar o persoal docente necesario así coma os gastos de material funxible e produtos consumibles necesarios. Pola súa banda o concello de Arteixo pon a disposición da devandita comunidade educativa as instalacións para impartir as citadas ensinanzas, así coma o equipamento necesario e asumirá os gastos de mantemento e funcionamento (luz, auga, limpeza, calefacción, entre outros).

Tras a sinatura do convenio, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, agradeceu a colaboración e o compromiso do concello de Arteixo cos ciclos formativos básicos, unha cooperación institucional que xa ven do ano 2015 cando, por primeira vez, se puxo en marcha -tamén no IES de Sabón- o primeiro proxecto dual na FP Básica en colaboración con outras entidades implantadas na zona.

Román Rodríguez destacou a importancia de deseñar unha oferta formativa de calidade e que sexa acorde coas demandas do mercado laboral, polo que é fundamental, estar en contacto e traballar da man de institucións e organizacións empresariais.

Así mesmo, destacou que a FP Básica é unha ferramenta que están dando resultados moi positivos na loita contra o abandono educativo temperá e, ao mesmo tempo, formando profesionais preparados de cara á súa incorporación ao mercado laboral e cualificados para dar resposta ás demandas laborais da contorna.

A Consellería de Educación vén de ofertar, de cara ao próximo curso 2017/18 máis de 29.000 prazas de Formación Profesional en todas as modalidades (réxime ordinario, modular para persoas adultas, FP a distancia, FP dual e FP a distancia), o que supón un incremento do 0,23% con respecto ao curso anterior. No que atinxe á FP Básica, hai dispoñibles un total de 3700 prazas, e o IES de Sabón impartirá dous dos novos ciclos que se amplían na oferta desta modalidade para este curso.

17 de xullo de 2017 | 14:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.