publicidade hoxe

Compostela acollerá os mundiais Sub-8, Sub-10 e Sub-12 de xadrez no 2018

O Salón Vermello do Concello acolleu esta mañá a presentación dos mundiais de xadrez nas categorías Sub-8, Sub-10 e Sub-12, que se celebrarán en Santiago do 3 ao 16 de novembro. Na rolda estiveron presentes o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; as concelleiras de Turismo e Deporte, Marta Lois e Noa Morales; a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; e os presidentes das Federacións Española e Galega de Xadrez, Javier Ochoa de Echagüen e Gaspar Pérez Carnero.

Santiago de Compostela foi elixida sede destes campionatos no Congreso da Federacion Internacional de Xadrez (FIDE) que tivo lugar en setembro de 2016 en Baku (Acerbaixán), sendo a final con Turquía. As anteriores edicións destes mundiais téñense celebrado en Grecia (2015) e Xeorxia (2016), sendo Brasil a elixida neste 2017 para acoller o mundial no mes de outubro.

Na súa presentación, a concelleira de Deporte, Noa Morales, destacou que “Compostela non só é cidade de encontro, capital do país e cidade chea de carga simbólica, senón que tamén somos unha cidade capital do deporte e ademais referente pola nosa aposta polo deporte de base”.

Enorme impacto económico

Estímase que virán a cidade arredor de 3.000 persoas de arredor dun cento de países, que suporán un impacto económico para a cidade de aproximadamente cinco millóns de euros, “e permitirán desestacionalizar o turismo, xa que se celebra no mes de novembro, en data semellante a outros eventos economicamente potentes para a cidade como foi o Womex 2016”, sinalou o alcalde de Santiago, Martiño Noriega. O rexedor definiuno ademais como “un dos eventos máis importantes que se teñen celebrado nunca na cidade”.

A directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, amosouse moi satisfeita por que “a organización teña atopado na Cidade da Cultura os espazos, as condicións técnicas e a experiencia que se precisan para traer a Galicia un evento desta natureza” e engadiu que “o mundial terá lugar no Museo Centro Gaiás, que ten acollido eventos internacionais de repercusión, como foron as dúas edicións do Womex, a feira de world music máis grande do mundo, ou o Spin, o maior evento de talento universitario de España, Portugal e América Latina, ademais dun número destacado de eventos culturais, comerciais e empresarias”.

Pola súa banda, tanto o presidente da Federación Española de Xadrez, Javier Ochoa, como o presidente da Federación Galega de Xadrez, Gaspar Pérez, relataron como foi este proceso de elección de Compostela como sede, describiron outras actividades que se van levar a cabo durante o campionato e o ritmo de programación previsto para o desenvolvemento da proba. Ademais, puxeron o foco no que significará deportivamente este evento para o conxunto da cidade, para Galicia e para o Estado.

O acto de presentación serviu tamén para dar a coñecer a mascota do evento, que ademais de contar con detalles do propio xadrez, está vestida de peregrina e leva un sombreiro azul coa vieira característica do Camiño e o tradicional caxato que usan as persoas que peregrinan a Compostela.

5 de xullo de 2017 | 15:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.