publicidade hoxe

Beatriz Mato destaca que a Rede Natura 2000 é unha oportunidade de desenvolvemento sustentable para os concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOleiros
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asegurou esta mañá que a Rede Natura 2000 é unha oportunidade de desenvolvementos sustentable e crecemento equilibrado para os concellos galegos. Así o puxo de manifesto esta mañá durante a inauguración dunha xornada sobre os espazos Rede Natura, onde o obxectivo era achegar aos 215 concellos galegos que formar parte da mesma información detallada sobre esta figura de protección.

De feito, a Consellería vén de remitir aos municipios un documento en soporte dixital con información relativa ao Plan Director, co fin de que poidan consultalo e acceder ao decreto que o desenvolve para resolver moitas das cuestións que xiran en relación ao mesmo.

Tal e como explicou a conselleira, será unha guía útil para aqueles concellos que teñen máis superficie protexida de Rede Natura, e que lles permitirá valorar o terreo no que viven e se desenvolven.

Recordou o traballo duro que se realizou para redactar un plan que xestiona unha superficie tan ampla, pero ese obxectivo cumpriuse coa aprobación do Plan Director, que regula os usos e os obxectivos de conservación da Rede Natura e que antes non tiña instrumento específico de planificación.

A conselleira de Medio Ambiente destacou que isto “non resulta unha tarefa fácil”, xa que son 389.737 hectáreas, o que supón case un 12% da superficie terrestre de Galicia e están presentes 72 tipos de hábitats de interese comunitario dos cales un 25% son considerados como prioritarios e tamén dan acubillo a máis de 60 especies animais e vexetais de interese comunitario.

Mato Otero indicou que o traballo non está rematado e “aínda quedan por facer”; xa que a Rede Natura é unha rede viva, por esa razón o Goberno galega estuda e analiza a súa ampliación, especialmente no relativo a hábitats de turbeiras. Neste sentido, anunciou que grazas ao traballo técnico realizado durante este primeiro semestre do ano, xa se dispón dunha cartografía e identificación destes tipos de hábitats, o que permitirá comezar coa elaboración da proposta técnica de ampliación da Rede Natura 2000. A proposta de ampliación fará posible incluír nesta rede europea de espazos protexidos (Rede Natura 2000) as turbeiras ácidas galegas máis relevantes dende o punto de vista ambiental.

Por último, a conselleira tamén destacou o esforzo realizado pola Xunta por conservar e recuperar os ámbitos e núcleos dentro da Rede Natura, xa que desde 2010 se investiron case 42,5 millóns de euros, o que se traduce nun investimento medio de 6 millóns por ano.

7 de xullo de 2017 | 12:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.