publicidade hoxe

Balseiro participa nas xornadas sobre o ‘Paleolítico do Noroeste’ que xiran ao redor da Cova de Eirós, en Triacastela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoTriacastela
A-
A+
Balseiro na inauguración das xornadas

Balseiro na inauguración das xornadas

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou no acto de inauguración das xornadas sobre o Paleolítico do Noroeste, que se desenvolverán no concello lugués de Triacastela, impulsadas ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Universidade de Santiago de Compostela (USC); e que contan co apoio do Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra-Courel. Nos traballos de investigación tomará tamén parte o Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES), da Universitat Rovira i Virgili de Tarragona.

A actividade formativa desenvolverase desde hoxe mesmo ata o sábado 29 de xullo e contará coa participación de prestixiosos investigadores e personalidades do equipo que desenvolve a campaña de escavación arqueolóxica e o estudo dos achados. A dirección da xornada correrá a cargo de Ramón Fábregas Valcarce, Xosé Pedro Rodríguez Álvarez e Arturo de Lombera Hermida.

O Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra-Courel, integrado por 13 concellos, coorganiza estas xornadas, no marco da estratexia de desenvolvemento rural aprobada para a xestión do programa Leader. Neste sentido cómpre sinalar que o GDR realiza accións para a divulgación e promoción do patrimonio, tales como estas xornadas de divulgación de Cova Eirós.

Un ben de excepcional importancia científica e patrimonial

O delegado territorial lembrou na súa intervención que o Goberno galego vén apoiando campañas arqueolóxicas para poñer en valor a excepcional importancia científica e patrimonial desta cavidade, sita na parroquia de San Cristovo de Cancelo. De feito a cova aglutina un xacemento paleontolóxico de grande interese no fondo da cova ao que cómpre engadir a localización da arte rupestre prehistórica, a primeira deste tipo coñecida na Comunidade Autónoma galega. Estas e outras razóns levaron ao Goberno galego a incoar o proceso para declarar a cavidade Ben de Interese Cultural de forma específica.

Balseiro destacou tamén que, precisamente, outro dos obxectivos do convenio de colaboración asinado entre a Xunta e a USC é o de impulsar unha nova campaña de escavacións arqueolóxicas no xacemento da Cova Eirós. O Goberno galego realizará unha achega económica de 30.000 euros que servirá para financiar todos os traballos conveniados. As intervencións neste xacemento están incluídas no Plan estratéxico para a protección e conservación do patrimonio cultural de Galicia, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, dentro do obxectivo operativo Conservar o patrimonio cultural galego.

Con esta nova intervención dáse continuidade aos estudos realizados no bienio 2015/16, que contaron co apoio do departamento de Cultura da Xunta de Galicia e foron dirixidas desde o Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noreste (GEPN-ATT) da USC, en colaboración cun importante equipo de investigación do Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES), da Universitat Rovira i Virgili de Tarragona.

Xornadas formativas

Pola súa banda as xornadas formativas pretenden abondar no carácter nodal do Noroeste durante o Paleolítico, emprazado entre os territorios da Cornixa Cantábrica e os da Fachada Atlántica, inmediatamente cara o sur. De feito a cultura material, fluxos de materias primas, arte moble e rupestre testemuñan os contactos entre as devanditas rexións.

Nesta ocasión, a temática das conferencias xirará arredor de dúas cuestións relevantes para o caso de Cova Eirós:

• A transición Paleolítico medio/superior e a comparativa entre os modos de vida dos Neandertais e dos Homo sapiens.

• Arte rupestre cantábrica, facendo especial fincapé na arte das últimas sociedades do Paleolítico, na que se insiren as manifestacións gráficas de Eirós.

Emprazamento e organización

O colexio de educación infantil e primaria Eduardo Cela Vila, de Triacastela, está a servir de sede deste foro que contempla tamén no seu programa de actividades varias visitas, que terán lugar o sábado 29, como son unha excursión ao xacemento e unha andaina dun tramo do Camiño de Santiago, xunto cunha visita ao Museo Xeolóxico de Quiroga e pregue de Campodola.

A organización desta xornada corre a cargo do Grupo de Estudos para a Prehistoria do NW Ibérico-Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio e Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social. De 25 horas dará dereito a un crédito ECTS e, previsiblemente a validación para recoñecemento como actividade de formación do profesorado e como 10 horas lectivas para o curso de Doutoramento da USC.

27 de xullo de 2017 | 14:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.