publicidade hoxe

Balseiro: “o novo bono e a Oficina do Autónomo contribuirán a facer de Galicia a comunidade con mellores apoios para este colectivo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugo
A-
A+

As novas ferramentas postas en marcha polo Goberno galego -o bono e a Oficina do Autónomo- aspiran a facer de Galicia a comunidade con mellores apoios para este colectivo profesional.

Así o explicou esta mañá o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, no transcurso dunha rolda de prensa na que puxo en valor estas iniciativas autonómicas que farán que traballar por conta propia sexa cada vez menos difícil e con menos cargas administrativas.

Axudas de ata 3000 euros

A primeira das medidas, o bono autónomo, aprobado recentemente polo Consello da Xunta beneficiará aos que queiran consolidar o seu negocio con axudas de ata 3.000 euros. O bono está destinado a aqueles traballadores por conta propia, cunha antigüidade mínima de 42 meses e unha facturación de máis de 12.000 euros, sempre que o seu rendemento neto non supere os 30.000 euros.

As axudas concederanse segundo orde de solicitude ás persoas que cumpran estes requisitos, que poderán dispoñer dun adianto do 100% da axuda. En total, a Xunta investirá 3 millóns de euros nesta medida.

Os beneficiarios do Bono Autónomo poderán optar por financiar diversos servizos, entre eles a mellora da xestión financeira, a captación de financiamento a optimización de procesos de produción e cadea loxística, relanzamento comercial, imaxe e comunicación; posicionamento web, márketing, redefinición do modelo de negocio, identificación de posibles socios ou creación de redes de cooperación.

Ademais os autónomos disporán de servizos gratuítos de apoio, que prestará a Rede de Técnicos de Emprego ou do Igape.

Menos cargas burocráticas

A Xunta tamén impulsará a Oficina do Autónomo, unha xanela única virtual para que os autónomos poidan alixeirar ao máximo posible a carga de papelame. Esta oficina está dispoñible a través da web oficinadoautonomo.gal, onde cada traballador por conta propia poderá coñecer o estado dos expedientes que teña abertos coa Administración galega, ademais de acceder a información de utilidade.

Balseiro destacou que estas dúas medidas forman parte dun catálogo moito máis amplo, o da Estratexia Autónomo 2020, para o que se ten previsto destinar 40 millóns de euros anuais ata 2020 a impulsar os autónomos nesta etapa de recuperación económica

O delegado territorial sinalou tamén que cando se coñeza a tarifa plana que aprobará o Goberno central ao abeiro da nova Lei de autónomos, o Goberno galego ampliará os beneficios dos traballadores por conta propia.

18 de xullo de 2017 | 13:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.