publicidade hoxe

As obras da senda na estrada entre Cabanas e A Pena, na AC-141, estarán rematadas a finais deste mesmo ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCabanasLocal Portada
A-
A+
Ethel Vázquez na visita ás obras. Foto: M. Fuentes

Ethel Vázquez na visita ás obras. Foto: M. Fuentes

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, supervisou hoxe o inicio das obras da senda peonil e ciclista na AC-141 no Concello de Cabanas, unha actuación que permitirá aos veciños realizar os seus desprazamentos cotiás, a pé ou en bicicleta, dun xeito máis cómodo e seguro.

Para o inicio destes traballos, foi necesaria a colaboración institucional, onde a Xunta aporta 500.000 de euros e o Concello os terreos necesarios para poder acometer as obras, que teñen un prazo de execución de 6 meses, polo que, como anunciou a responsable de Infraestruturas, “se espera que as obras estean rematadas para finais deste mesmo ano”.

Trátase dunha vía de 1,3 quilómetros de lonxitude fronte á Casa do Concello que se construirá pola marxe esquerda da estrada, un itinerario independente e separado da calzada actual, que ofrecerá as condicións de seguridade e comodidade axeitadas para o seu uso e desfrute.

Ethel Vázquez lembrou que é unha actuación moi demandada, que mellorará a mobilidade dos veciños de Cabanas, xa que este treito da estrada rexistra unha circulación peonil constante, por mor da concentración de poboación e a existencia de numerosas vivendas na zona; tamén se atopan nesta área os principais equipamentos municipais, como é o caso da Casa do Concello e lugares concorridos, como a igrexa parroquial de San Andrés ou o centro de saúde.

Este itinerario enmárcase no Plan de Sendas de Galicia, que xa está en pleno desenvolvemento en 11 comarcas, unhas actuacións que tratan de mellorar a mobilidade e incrementar a seguridade dos usuarios máis vulnerables das estradas.

No caso concreto da comarca de Ferrolterra prevé, nunha primeira fase, a construción de 6 sendas, cun total de 9 quilómetros de lonxitude e un investimento de 2,7 millóns de euros, tres destas actuacións xa están licitadas, as de Fene e esta mesma, noutras dúas iniciouse a súa tramitación coa información pública, ademais doutro proxecto que está redactado e en supervisión.

Plan de Transporte Público de Galicia

A responsable de transportes do Executivo autonómico, tamén analizou co alcalde o novo Plan de Transporte Público de Galicia que, no Concello de Cabanas, atañe nesta primeira fase ao proxecto de explotación da liña que comunica Ferrol coa A Capela, pero, en maior medida, a outros concellos veciños.

Vázquez Mourelle destacou que o novo plan dará resposta e garantirá o servizo de transporte aos cidadáns a partir de agosto e, concretou que “estamos a aproveitar para incrementar a calidade e para ofrecer a máxima cobertura territorial e un transporte público máis axustado ás necesidades da xente, facilitando cuestións como que, os autobuses que se dirixen ao CEIP Mosteiro de Caaveiro, poidan ser empregados por tódolos veciños e sigan ata a Casa do Concello da Capela”.

Finalmente, destacou que “medidas como esta as imos probar como experiencia piloto, xa que queremos estendelas a toda Galicia no ano 2019”.

18 de xullo de 2017 | 13:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.