publicidade hoxe

A Xunta remite ao concello de Cambados o convenio para a xestión do novo centro de día da localidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosLocal Portada
A-
A+

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar enviou ao Concello de Cambados o convenio de colaboración para a xestión do novo centro de día desa localidade pontevedresa, no que a administración galega investiu un total de 800.000 euros (incluíndo estudos previos, proxectos e dirección de obra) e que ofertará 40 prazas públicas máis para os maiores da comarca do Salnés.

A Xunta de Galicia axiliza deste xeito os últimos pasos para a posta en servizo desas instalacións, logo do anuncio no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 8 de maio da licitación para contratar o subministro do seu equipamento e amoblamento, cun orzamento de 90.374,77 euros, dos que o Consorcio achegará 70.000 e o Concello de Cambados, 20.000, tal e como estipula o acordo de colaboración asinado por ambas partes o 31 de marzo. Neste momento, ese concurso está en fase de valoración das ofertas presentadas.

Cando o convenio de colaboración para a xestión do novo centro de día de Cambados sexa aprobado polos órganos competentes do Concello, e unha vez asinado por ambas partes, o ente público da Consellería de Política Social procederá á licitación do servizo para a súa posta en funcionamento neste ano 2017.

O convenio axústase aos termos establecidos no Acordo Marco subscrito en maio de 2016 entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) en relación ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que establece un modelo estable de co-financiamento dos servizos sociais que se prestan nos municipios a través do Consorcio, nomeadamente para os centros de día e as escolas infantís.

No que se refire concretamente aos centros de día, o Acordo Marco Xunta-Fegamp dispón que os concellos -como sucederá co caso de Cambados- teñen que contribuír cunha contía anual de 2500 euros por cada usuario empadroado nese municipio.

As 40 novas prazas do centro de día cambadés se sumarán ás 20 de capacidade máxima coas que conta o centro de día de Vilagarcía de Arousa, tamén no Salnés, elevando a 60 a oferta pública en centros dependentes do consorcio nesa comarca.

14 de xullo de 2017 | 13:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.