publicidade hoxe

A Xunta inviste un millón de euros na limpeza e conservación de leitos fluviais na demaracación Galicia-Norte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNarón
A-
A+

A Xunta ten en marcha unha serie de contratos de servizos de carácter bianual que engloban unha parte das actuacións en materia de acondicionamento, protección e conservación dos leitos dos ríos da demarcación hidrográfica Galicia-Costa. A programación e execución destas actuacións de conservación e rexeneración das ribeiras e canles públicas, así como das zonas de servidume e policía das augas, correspóndelle a Augas de Galicia, aínda que o Plan Hidrolóxico Nacional outorga a competencia aos concellos nas actuacións en canles públicas urbanas.

O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, e o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña. Ovidio Rodeiro, visitaron hoxe os traballos específicos que se están a levar a cabo no río Xubia, no concello de Narón, no que se están a retirar árbores caídas e ramas que forman represas nun treito da canle, entre A Portela e o Muíño de Gradaille. O orzamento para esta actuación e de preto de 20.000 euros e estímase que estará completada en 20 xornadas de traballo.

Na actualidade, Augas de Galicia conta con tres contratos de servizos en execución, que se acaban de iniciar neste ano 2017, e con un contrato de asistencia á dirección. Estes contratos divídense por ámbitos territoriais, tendo un por cada unha das zonas existentes, e contan cun investimento total superior aos 3,2 millóns de euros. En concreto, para a Zona Hidrográfica Galicia-Norte o orzamento supera os 960.000 euros.

O obxecto principal destes servizos, é o acondicionamento, mantemento e mellora nos leitos co fin de facilitar o libre discorrer das augas, así como conseguir condicións naturais que favorezan os aspectos medioambientais, estéticos e de uso social no entorno fluvial, sendo respectuoso en todo momento co entorno. Durante a súa visita, Rodeiro destacou a integración de actuacións singulares, como a protección e estabilización de ladeiras con elementos naturais de especies autóctonas de ribeira, ou valados de madeira.

En xeral, estas actuacións tenden a rexenerar o funcionamento natural do leito, recuperando a sección hidráulica en puntos sensibles. Neste senso, as técnicas de restauración son as máis respectuosas co entorno, integrándose na medida do posible co funcionamento ecolóxico do río e da paisaxe fluvial. Polo tanto, procurase empregar materiais naturais, como pedras, madeira e mesmo vexetación.

4 de xullo de 2017 | 14:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.