publicidade hoxe

A Xunta investiu no concello de Lugo 90.000 euros a través do Plan marco de mellora de camiños municipais e acceso a explotacións agrarias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Consellería do Medio Rural investiu no concello de Lugo preto de 90.000 euros a través do Plan marco de mellora de camiños municipais e acceso a explotacións agrarias. En concreto, este apoio autonómico serviu para mellorar varias estradas emprazadas nos núcleos rurais de Benade e Adai.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, supervisou os traballos realizados nestas parroquias e comprobou sobre o terreo o resultado das obras executadas. Grazas ao apoio económico da Xunta facilitouse a accesibilidade aos predios e explotacións agrogandeiras desta zona así como ao conxunto de ambos núcleos de poboación.

“O obxectivo deste plan é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais. E na Xunta entendemos que un bo camiño para facelo pasa por mellorar as dotacións existentes en infraestruturas básicas, como estas estradas” subliñou o delegado territorial.

Obxecto dos traballos

Na parroquia de Adai a achega autonómica permitiu actuar sobre 2.380 metros de superficie. Namentres que no tocante á segunda obra, a executada en Benade, propiciou a mellora de case 800 metros.

En ambos casos, as actuacións supuxeron a reposición da capa de rodaxe con asfalto en quente, limpeza das cunetas e bermas para aumentar as condicións de drenaxe da pista e facilitar a evacuación de auga das mesmas. Tamén se procedeu a sinalización e pintado das estradas e á colocación de bases de formigón armado para situar os colectores de lixo.

Novo plan

Balseiro tamén explicou que plan marco da Xunta dá continuidade ás actuacións desenvolvidas en anos anteriores. Con este fin os concellos lugueses recibirán en conxunto máis de 4,1 millóns de euros para mellorar os seus camiños rurais de titularidade municipal. O reparto destes fondos fíxose en base a criterios obxectivos e de acordo coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) onde están representados alcaldes de todas as cores políticas.

O delegado territorial lembrou que a presente anualidade a Consellería do Medio Rural fai un esforzo sen precedentes para fornecer este plan de mellora de camiños con fondos propios.

4 de xullo de 2017 | 14:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.