publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta investirá máis de 1 millón de euros na catedral de Mondoñedo entre os anos 2017 e 2018

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoMondoñedoPortada dereita
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e O.U., Román Rodríguez, participou hoxe en Mondoñedo nos actos conmemorativos do segundo aniversario da declaración dos Camiños do Norte como Patrimonio Universal da UNESCO. No desenvolvemento do mesmo, realizouse unha andaina polo propio Camiño, desde Fonte Vella de Álvaro Cunqueiro a Catedral de Nosa Señora da Asunción. Como colofón, descubriuse unha placa conmemorativa deste fito na propia sede mindoniense.

O titular de Cultura fixo fincapé na importancia da incorporación da Catedral de Mondoñedo á Lista do Patrimonio Mundial, “ao considerala como ben inmoble integrante do territorio do Camiño de Santiago”, e referiuse ao compromiso da Xunta na salvagarda deste ben. En concreto, o conselleiro explicou que o seu departamento ten previsto investir entre este e o vindeiro ano máis de 1M de euros no conxunto catedralicio, logo de terse realizado xa todos os estudos previos para determinar as problemáticas patrimoniais do ben.

Finalmente, o conselleiro explicou que, “aínda que a Catedral é o eixo que vertebra a fisionomía desta vila, desde a Consellería colaboramos noutras actuacións que contribuirán a mellorar a atracción cultural que Mondoñedo esperta”, e referiuse en concreto a dous proxectos de futuro como son a musealización da casa natal do grande Álvaro Cunqueiro e as actuacións no xacemento arqueolóxico dos Castros.

No acto participaron a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, o deán da diocese de Mondoñedo-Ferrol, Pedro Díaz, e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Actuacións en marcha

Neste momento hai dous proxectos no templo mindoniense. Por unha banda, o de conservación e restauración da catedral, que conta cun orzamento inicial de máis de 880.000 euros, do que actualmente se están a elaborar os pregos para a licitación da obra, e por outro, o proxecto básico e de execución da restauración da Casa dos Cóengos, cun orzamento de máis de 350.000 euros, e do que se vén de abrir hoxe mesmo o sobre C da licitación da obra. Ambas as dúas obras están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e comezarán este mesmo ano.

No caso da Catedral, o ámbito de actuación é a cuberta da catedral e do claustro así como de maneira puntual en paramentos exteriores da nave da igrexa e obras puntuais de mantemento e conservación das fachadas oeste e norte. Pola súa banda, o obxectivo da intervención na Casa dos Cóengos é garantir o mantemento e conservación do edificio, evitar o seu deterioro e corrixir as diversas patoloxías da súa estrutura co fin de acondicionalo para a convivencia de usos propiamente diocesanos e públicos.

4 de xullo de 2017 | 14:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.