publicidade hoxe

A Xunta colabora na recuperación do Parque do Pasatempo en Betanzos cun campo de traballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBetanzosLocal Portada
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou esta mañá o Parque do Pasatempo de Betanzos, onde 20 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos participan estes días nun campo de traballo promovido pola Consellería de Política Social no marco da campaña de verán 2017. Alí, a titular autonómica en materia de xuventude destacou “o excelente labor que están a realizar o voluntarios e voluntarias nun dos paraxes máis fermosos e visitados desta vila como é o Parque do Pasatempo ao tempo que promoven valores de como o respecto ao patrimonio, o traballo en equipo ou a convivencia”.

Neste contexto, Cecilia Vázquez lembrou que o campo de traballo Parque do Pasatempo e una actividade de ámbito internacional centrada na recuperación da arquitectura local e do patrimonio natural. Neste marco, os rapaces e rapazas que participan traballan co obxectivo de frear o deterioro que está a sufrir este espazo, recuperar o seu trazado orixinal e introducir plantacións baixo o criterio da sustentabilidade. Para elo, están a levar a cabo tarefas de limpeza, reparación e plantación do invernadoiro da primeira terraza e a reformulación das plantacións e das instalacións do xardín. Os resultados destes traballos poderanse contemplar a partir do vindeiro 21 de xullo, data de finalización desta actividade.

Os campos de traballo en Galicia, ao longo deste verán, porán a disposición de mozos e mozas da nosa Comunidade, do resto de comunidades autónomas e de países como Francia, Alemaña, Grecia, Italia, Corea do Sur ou Xapón ou de voluntarios e voluntarias procedentes da Galicia exterior, 598 prazas. No que respecta á provincia da Coruña, esta conta con campos de traballo nos concellos de Laracha, Vedra, Boqueixón, Coirós, Curtis, Outes, Ribeira, Rois e Betanzos que ofertan un total de 228 prazas para a mocidade.

Os campos de traballo forman parte da Campaña de verán da Xunta de Galicia O teu verán colle nunha mochila, na que poderán tomar parte 9.572 persoas, 526 máis que en 2016. As actividades que conforman esta campaña están dirixidas a mozos e mozas de entre 9 e 30 anos, e están divididas en actividades específicas para os distintos grupos de idade. O departamento autonómico inviste 2,9 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que permitirán a contratación dunhas 1000 persoas entre monitores e directores de tempo libre.

14 de xullo de 2017 | 14:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.