publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta adxudica o proxecto construtivo de desdobramento do corredor entre Sarria e a Pobra de San Xiao en 243.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoPortada dereitaSarria
A-
A+

A Xunta de Galicia ven de formalizar o contrato para a elaboración do proxecto de trazado, estudo de impacto ambiental e proxecto construtivo da actuación para a conversión en autovía do corredor Sarria-Monforte entre A Pobra de San Xiao e Sarria.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución desta adxudicación, que alcanza un orzamento de 243.255 euros. A empresa adxudicataria ten un prazo de 12 meses para executar os estudos e proxectos precisos para a realización efectiva da obra.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, valorou este avance e subliñou que “se van cumprindo os prazos e dando pasos firmes para a conversión en autovía nun dos tramos que máis o precisan actualmente”.

En concreto, explicou, vaise actuar sobre os 10,5 quilómetros de lonxitude comprendidos entre o enlace de A Pobra de San Xiao e o enlace centro de Sarria (puntos quilométricos 13+500 ao 24+000).

Balseiro explicou que a conversión do corredor en autovía iníciase por este subtramo porque se comprobou que é o que rexistra un menor nivel de servizo polas menores opcións de adiantamento. A nova calzada executarase pola marxe esquerda da actual.

Os traballos a realizar consisten na revisión do proxecto de trazado e na redacción do estudo de impacto ambiental e do proxecto de construción, que será sometido a información pública unha vez estea redactado.

Balseiro lembrou que o corredor foi construído coa previsión da súa conversión en autovía “o que significa que se aplicaron criterios técnicos e solucións construtivas axeitadas que evitarán sobrecustes innecesarios nesta segunda fase”.

Polo que respecta a este treito en concreto, deixáronse preparados os desmontes para acoller nun futuro a ampliación da plataforma e realizáronse boa parte das expropiacións necesarias.

O delegado destacou o compromiso do Goberno galego coa mellora das infraestruturas e apuntou que o corredor Nadela-Sarria é unha das vías que rexistra maior circulación da provincia, e presta servizo nesta área a unha poboación de máis de 113.502 veciños e veciñas dos concellos de Lugo, O Corgo, Páramo, Láncara e Sarria.

10 de xullo de 2017 | 14:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.