publicidade hoxe

A Xunta acomete a construción dunha nova captación de augas en Aranga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAranga
A-
A+

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá os traballos de construción dunha nova captación de augas e impulsión no concello de Aranga, froito dun convenio asinado no seu día entre o Concello e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Os traballos depoñen dun orzamento de 60.000 euros, e están cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). A actuación consiste en instalar unha nova captación de augas e impulsión no Concello de Aranga.

Ata o de agora, a captación existente para a rede municipal, existente no río Mandeo, non era capaz de satisfacer as demandas dos veciños conectados á traída, nomeadamente nos meses máis secos. Por isto, a través das obras agora iniciadas preténdese executar unha nova captación que funcione correctamente durante todos os meses do ano, co obxecto de mellorar as condicións de vida dos veciños do concello de Aranga, de tal xeito que poidan ter auga en cantidade e calidade suficiente para satisfacer as súas demandas de auga potable. Os traballos estanse a acometer nun tramo diferente do río, menos afectado pola seca estival. A nova captación conectarase coa rede xa existente por medio dun tramo de impulsión de 900 metros.

O delegado territorial, que visitou as obras acompañado polo alcalde, Alberto Platas, sinalou que con esta actuación garántese a subministración de auga en calidade e cantidade axeitada aos núcleos de poboación. Tras intercambiar pareceres cos técnicos e os encargados da obra, Rodeiro adiantou que “a nova captación ten un prazo de execución de catro meses, pero seguramente pódase rematar antes”. En todo caso, sinalou que “podemos asegurar que este será o último ano no que os veciños de Aranga teñan problemas para abastecerse de auga en abundancia e da máxima calidade”.

3 de xullo de 2017 | 14:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.