publicidade hoxe

A “Ultranoite” de Chévere chega a Compostela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSantiago de Compostela
A-
A+

As festas do Apóstolo continúan unha xornada máis, nun mércores que traerá música, teatro e obradoiros para o goce de pequenos e maiores.

A programación bota a andar ás 18:00 horas cun concerto de música tradicional a cargo de Do Fondo do Peto, que traerá os ritmos máis galegos á Vía Sacra. Este quinteto conta cun repertorio instrumental e vocal que se asenta sobre as bases da cultura musical galega do século XX. A formación está baseada nos grandes intérpretes e coros tradicionais e está composta por gaita, traverso, tamboril, bombo e pandeireta.

Na praza Roxa, de 18:00 a 20:00 horas continuamos a celebrar o mes da cultura urbana, unha das actividades resultado do proceso de orzamentos participativos de Mocidade. Nesta ocasión celebraranse varios obradoiros de DJ e Parkour.

Ademais, nova xornada dos programas Artellando nos barrios e Artellando nos currunchos, que buscan descentralizar a programación do Apóstolo e achegala a diversos barrios. Ás 19:00 horas, a praza Roxa, o LSC de Lavacolla e o CSC da Trisca acollen O vendedor de fume, de Teatro dos Ghazafelhos; Lila Star, de Pistacatro Produtora de Soños; e a sesión de contos Baobab, respectivamente. Pola súa banda, os arcos de Bonaval albergarán a música-performance da portuguesa Vania Couto, que nos trae Projecto Branta a partir das 21:00 horas. Xa ás 23:00 horas, na praza do Toural, artellaremos na noite con Celina da Piedade.

Chévere 3.0

Unha das actuacións principais deste mércores vén a cargo de Chévere, que celebra os seus 30 anos de historia por todo o alto. Ás 23:00 horas volverán viaxar ao País dos Ananos acompañados de todas aquelas persoas que encherán a praza da Quintana. Xa están esgotadas as invitacións para as cadeiras, aínda que o acceso aínda é posible para aquelas persoas que queiran ver o espectáculo teatral dende as escaleiras da praza ou de pé.

A troupe da Ultranoite fai unha viaxe cabareteira e musical ao País dos Ananos para amosar como viven, como se organizan, como exercen xustiza, que ven na tele, como bailan e comen os ananos. Calquera parecido cos galegos é pura casualidade.

Finalmente, este mércores tamén nos trae música da man do ciclo de concertos ao fresco Terrazeando. Nesta ocasión, a cita é ás 21:00 horas no Hotel Costa Vella, onde as persoas que se acheguen poderán escoitar a Cómo Vivir en el Campo.

18 de xullo de 2017 | 14:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.