publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Policía Autonómica e axentes forestais esclarecen dous incendios forestais en Santiago e na Pobra do Caramiñal

Axentes da Policía Autonómica, en colaboración con axentes forestais, informaron hoxe do esclarecemento de dous incendios forestais en Santiago de Compostela e na Pobra do Caramiñal.

Axentes da Policía Autonómica de Santiago de Compostela e axentes forestais do distrito III Santiago-Meseta Interior procederon á investigación dun varón como presunto autor dun incendio forestal ocorrido o pasado 15 de xullo no termo municipal da capital galega. O lume orixinouse polo lanzamento de fogos artificiais e afectou 0,15 hectáreas de superficie rasa. Polos feitos instruíronse dilixencias remitidas ao Xulgado de instrución de garda de Santiago de Compostela.

Por outra banda, os axentes da Policía Autonómica de Santiago de Compostela tamén colaboraron cos axentes forestais -neste caso do distrito forestal IV Barbanza- na investigación doutras dúas persoas como presuntos autores dun incendio na Pobra do Caramiñal. O lume produciuse o 15 de xullo, e tamén foi causado polo lanzamento de fogos artificiais. Afectou 0,03 hectáreas de superficie rasa. Polos feitos instruíronse dilixencias remitidas ao Xulgado de garda de Ribeira.

Na actual campaña anti-incendios forestais do 2017, un total de 65 persoas foron detidas/investigadas pola Policía Autonómica como presuntas autoras de incendios forestais.

21 de xullo de 2017 | 13:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.