publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A mostra “Nado en Pedra” da Escola de Cantería da Deputación chega mañá a Nigrán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNigránPontevedra
A-
A+

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Nigrán, Juan González, inaugurará mañá martes ás 13:00 horas, na avenida de Praia América de Nigrán, a mostra itinerante da Escola de Cantería “Nado en pedra”, unha colección de obras elaboradas polo alumnado do centro e composta por case unha vintena de pezas sobre oficios tradicionais e a emigración, que se poderá visitar ata o próximo 31 de xullo.

“Nado en Pedra” está composta por un total de 17 pezas de grande tamaño, algunhas delas de máis de 1.000 quilos de peso, que teñen por temática central a figura humana. En concreto, a través destes traballos amósanse algúns dos oficios tradicionais máis senlleiros da nosa terra, como o de ferreiro, costureira ou canteiro, ademais doutras estampas da vida cotiá.

A mostra estivo exposta ao público o pasado mes no paseo marítimo de Cambados e anteriormente púidose visitar no Concello de Santiago de Compostela, ás beiras do río Sar. Así mesmo, está previsto que a colección se traslade ata o Concello do Rosal proximamente.

A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, que ten por obxectivo conservar e promover un dos oficios máis antigos de Galicia, desenvolve as súas actividades como un obradoiro de traballo artesanal en pedra, no que combinan o ensino teórico e o práctico. Os traballos de alumnado e profesorado teñen deixado pegada no patrimonio arquitectónico popular de Galicia e por todo o mundo: en Fortaleza (Brasil), Maracaibo (Venezuela), Manila (Filipinas), La Paz (Bolivia), Nova York (EUA), Nicaragua, Querétaro (México), Río Gallegos, Buenos Aires (Arxentina) ou Montevideo (Uruguai), Chile, Cuba, Alemaña, Francia, Suíza, Romanía e Portugal; así como na realización de hórreos e outras obras que locen en varios puntos de España e do estranxeiro.

Ademais, son numerosos os alumnos e alumnas da Escola de Cantería que forman parte dos equipos de restauración de emblemáticos edificios históricos como son A Sagrada Familia, en Barcelona, e a Catedral de Santiago de Compostela, Catedral de Westminster de Londres e mesmo nas obras de recuperación do edificio do Capitolio en Washington, Estados Unidos.

3 de xullo de 2017 | 15:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.