publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Feira do Bonito de Burela reunirá a unhas 10.000 persoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAxenda e CulturaBurelaLocal PortadaLugo
A-
A+

O Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, o Alcalde de Burela, Alfredo Llano García, e a Presidenta da Sociedade Cultural e Recreativa Ledicia, Rocío Rivera, presentaron este venres nos xardíns da institución a XXXIII Feira do Bonito de Burela, que terá lugar os días 4, 5 e 6 de agosto. O organismo provincial colabora con esta cita, recoñecida como Festa Galega de Interese Turístico, cunha achega de 8.000 euros dentro da súa aposta polo impulso do sector pesqueiro e dos produtos do mar para xerar riqueza na provincia luguesa.

Campos Conde destacou que “esta cita é unha oportunidade económica única para a provincia, pois impulsa un sector punteiro como a pesca, que é capaz de dar emprego a miles de familias lucenses e xerar un volume de negocio de máis de 125 millóns de euros; ao tempo que promociona os produtos do mar e así como a riqueza de toda a Mariña, nunha época, como o verán, na que son milleiras as persoas que nos visitan”.

“Xunto a Viveiro co porto de Celeiro, Burela é o Concello lugués pesqueiro por excelencia. Este sector representa preto do 30% da economía municipal. Só atendendo ás capturas de bonito no porto burelés, estas superaron as 1.600 toneladas o ano pasado, conseguindo un volume de negocio de 7 millóns. As cifras falan por si mesmas. Temos que pór en valor a riqueza da nosa provincia con iniciativas coma esta para impulsar a económica e o emprego”, subliñou.

Esta cita, organizada por Ledicia e o Concello de Burela, celébrase dende o ano 1983 de xeito continuado e pouco a pouco foi tomando entidade ata ser recoñecida Festa Galega de Interese Turístico no 1999. Facendo honra da súa condición de porto líder en bonito do Norte, os veciños de Burela e os miles de visitantes desfrutarán desta xornada gastronómica en torno ao seu famoso pescado, do que prepararán preto de 3.000 quilogramos.

A degustación, amenizada pola música das gaitas, terá lugar nunha carpa instalada no peirao, onde as racións de bonito, a 8 euros cada unha, presentaranse de moitas maneiras: en empanada, cocido, asado a grella ou sen glute, ente outros. Como novidade, o domingo 6 de agosto, repartiranse racións do tradicional marmitako, elaborado co bonito do norte fresco. Nos últimos anos, a Feira do Bonito vén obtendo unha afluencia de público de arredor de 10.000 persoas o que repercute na economía e no turismo de toda a Mariña lucense.

Programación da Feira

Venres 4 de agosto
23:00 horas.- Festa cos dj´s Xriz, José de Rico e Dr. Bellido. Espectáculo organizado pola delegación de Cultura do Concello de Burela.

Sábado 5 de agosto
12:00 horas.- Actividades infantís.
13:00 horas.- Aperitivo musical a cargo de Joni Ramos.
13:30 horas.- Recepción de autoridades e convidados no barco-museo “Reina del Carmen”. Recoñecemento da Bandeira Azul outorgada ao barco-museo. Terá lugar a presentación da Feira do Bonito, nomeamento do Asador Maior e da Colaboradora de Honra e entregaranse os premios do Concurso de Carteis.
14:00 horas.- pregón a cargo de Sergio Pazos. Ao remate, comezará a degustación gastronómica.
De 16:00 a 20:00 horas.- Actuación de Tropical, que animará a celebración do I Certame internacional de pintura mural AMARTE.
18:00 horas.- Xogos e actividades infantís-
21:00 horas.- Presentación do Festival Osa do Mar 2017, coas actuacións de Miss Lane & The Kriptonians e Cora Sayers.
00:00 horas.- Actuación de El último tributo, organizada pola delegación de Cultura do Concello de Burela. Para finalizar a xornada, terá lugar o concerto de Everest.

Domingo 6 de agosto
13:00 horas.- Degustación de Marmitako, amenizada con música ao vivo.
15:00 horas.- Entrega de premios do certame de pintura mural AMARTE.

Certame internacional de pintura AMARTE

O concurso de murais a nivel internacional terá lugar os días 4, 5 e 6 de agosto no porto de Burela, coincidindo coa Feira do Bonito. O certame de pintura conta con 10 espazos para realizar murais nos bloques situados no murallón do peirao. A temática dos murais é o mundo do mar. Os artistas serán seleccionados previamente por un xurado profesional que está presidido polo artista Alfonso Otero Regal. Os obxectivos deste evento cultural son recuperar un espazo público e darlle un toque estético e artístico a esta zona do porto, un dos puntos neurálxicos e socioeconómicos máis importante do municipio burelense. Ademais con esta cita cultural, incentívase a actividade artística da zona da Mariña ao tempo que reivindicase ao Concello como lugar de creación.

Produart

Paralelamente á festa gastronómica, nos últimos anos ten lugar na nave de redes de Burela a mostra de Produart, organizada pola Fundación Expomar, de produtos ecolóxicos e artesáns. Este ano é a súa XV edición, na que se celebrarán mesas redondas, proxeccións e exposicións sobre temas medioambientais e ecolóxicos.

28 de xullo de 2017 | 15:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.