publicidade hoxe

A Deputación finaliza os traballos de renovación do firme e pintado da estrada provincial Vilariño-Hio en Cangas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra rematou xa os traballos de rehabilitación do firme e mellora da seguranza viaria da estrada provincial EP-1004 entre Vilariño e Hío no concello de Cangas. Segundo indicou o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, esta actuación –que rematou dúas semanas antes do previsto– incluíu, ademais da renovación da capa de rodaxe e o pintado, a delimitación dunha ‘zona 30′ e a instalación de dous redutores físicos de velocidade de vehículos.

A mellora da estrada iniciouse logo de obter informes do persoal técnico do Servizo de Mobilidade provincial e posteriores consultas co Concello de Cangas polas deficiencias que presentaba a vía. O departamento provincial realizou un levantamento taquimétrico da zona, redactou unha memoria de actuación e sacou o proxecto a licitación en maio deste ano. A actuación foi adxudicada á empresa Nexia por 44.158,49 euros.

As obras proxectadas iniciáronse o pasado 19 de xuño cun fresado do pavimento en mal estado, que supoñía un 80 % da superficie total. Posteriormente fíxose o asfaltado definitivo, instalouse a sinalización vertical necesaria, os dous RFVV e procedeuse ao pintado da sinalización horizontal (deixando dous carrís de 3 metros e unha beiravía de 0,50) en todo o largo da estrada, que alcanza 1,185 quilómetros.

Segundo explicou o deputado de Mobilidade, a reforma estrutural do firme e demais actuacións na EP-1004 encaixan dentro da Estratexia de Mobilidade 3.0 do Goberno da institución provincial, que aposta por unha mobilidade sustentable, cun correcto mantemento do viario e o calmado do tráfico como medida para evitar a sinistralidade. O responsable das infraestruturas viarias da Deputación subliñou que é preciso aumentar a seguranza viaria en toda a rede de estradas provincial, “facendo especial fincapé nos tramos que transcorren por espazos urbanos ou núcleos rurais”, como é o caso da estrada EP-1004.

5 de xullo de 2017 | 14:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.