publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra comeza as obras de mellora da seguranza viaria na parroquia de Corredoira en Cerdedo-Cotobade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedoCotobadeLocal PortadaPontevedra
A-
A+

O servizo de Mobilidade da Deputación de Pontevedra iniciará mañá mércores as obras de seguranza viaria nun treito da estrada provincial EP-0401 entre Carballedo e Caroi, na parroquia de Corredoira (Cercedo-Cotobade). A actuación, que incluirá a optimización da rede de augas pluviais e a construción dunha cuneta de formigón, ten un orzamento de 9.627,30 euros.

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez subliñou que esta actuación para mellorar a seguranza viaria na estrada da Deputación inclúese dentro da Estratexia de Mobilidade 3.0 na que a conservación e mantemento da rede viaria provincial é unha prioridade.

Segundo indica o nacionalista, o treito no que se actuará ten unha lonxitude de 63 metros e na súa marxe esquerda -chegando dende o lugar de O Carballal- carece de arcén, tendo tamén a marca viaria no bordo da plataforma, o que supón un perigo para os vehículos e os peóns que circulan pola estrada. Así mesmo, entre o bordo da calzada e o muro de peche da finca colindante existe unha cuneta de terra que perxudica gravemente o firme, xa que provoca filtracións de auga debido á vexetación que medra en toda a superficie.

Para mellorar a seguranza en todo o tramo e optimizar a rede de pluviais, instalarase unha nova tubaxe e tamén un dren lonxitudinal que recollerá as posibles augas de infiltración. Por riba da tubería construirase unha cuneta rebasable de formigón, de forma que os vehículos e peóns poidan circular de forma máis segura e que as augas pluviais non afecten ao firme.

Está previsto que a empresa adxudicataria comece as obras mañá cunha limpeza de marxes en todo o treito e unha excavación da zanxa en máis de 110 metros. Posteriormente instalarase o colector para dar continuidade ás augas pluviais finalizando na entrada dun camiño de servizo. Tamén se construirán sendas arquetas de formigón que servirán como rexistro. O prazo de execución previsto, segundo indicou Benítez, é dun mínimo dun mes en función das condicións climatolóxicas.

A maiores desta actuación de seguranza viaria, o deputado responsable de Mobilidade explicou que a Deputación tamén realizará o repintado de toda a sinalización horizontal da estrada Carballedo-Caroi –EP-0401- (que ten unha lonxitude de 9,4 quilómetros). Así mesmo, instalarase un paso de peóns sobreelevado con iluminación á altura do punto quilométrico 0+120, cun largo de sete metros e beirarrúa doble coa lenda ‘Precaución. Mirar esquerda. Mirar dereita’. Esta actuación de instalación do redutor físico de velocidade encádrase dentro do Plan de Mobilidade e Velocidade Segura (Plan MÓVESE), que se está a executar en toda a provincia.

No concello de Cercedo-Cotobade tamén se pintarán as estradas Carballedo-Rebordelo, Viascón-Cuspedriños, Borela-Pontecaldelas, Parada-Tenorio e Paraños-piscifactoría, e tamén se instalarán outros redutores de velocidade na vía Viascón-Cuspedriños e Borela-Pontecaldelas

18 de xullo de 2017 | 14:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.