publicidade hoxe

A Deputación de Lugo promove os oficios artesanais da provincia, colaborando coa XII Feira de Artesanía de Pallares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioGuntínLugo
A-
A+

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto; o Presidente da Asociación de Amigos do Mosteiro, Carlos Vázquez; e a Tenente Alcalde de Guntín, María José Gómez Rodríguez, presentaron este luns nos xardíns do Pazo de San Marcos a XII Feira de Artesanía de Pallares que terá lugar o vindeiro 13 de agosto no recinto feiral. O organismo provincial colabora con este colectivo na organización deste evento que promove os produtos autóctonos e os oficios artesanais como sinais de identidade e atractivo da provincia que, ademais de xerar riqueza, contribúen ao impulso turístico do Concello. Para esta feira, a institución leva ao Concello unha demostración en vivo de cestería.

García Porto subliñou que “dende o Goberno da Deputación renovamos a nosa colaboración con esta cita que, ademais de contribuír a dinamizar a economía local e a produción artesanal, axuda a impulsar o turismo na zona pois son case un milleiro de visitantes os que, ano a ano, se achegan a Guntín a desfrutar dunha das feiras máis importantes do Concello”.

Carlos Vázquez agradeceu a colaboración do Goberno da Deputación “fundamental para garantir a súa celebración ano tras ano”, destacou.

Xornada artesá e gastronómica

A XIII edición da Feira de Artesanía arrancará ás 09:00 horas coa instalación dos postos, nos que, durante toda a xornada de mañá, acollerán demostracións en vivo de oficios tradicionais como cestería, tear, olería, talle de pedra e madeira, traballo de coiro, forxa, apicultura e cetrería.

A partires das 13:00 horas, os visitantes terán a oportunidade de degustar filloas elaboradas durante toda a mañá por tres filloeiras de Muimenta. De seguido, terá lugar o pregón oficial. Para rematar, celebrarase un xantar de confraternidade, que terá un custo de 22 euros para os socios desta asociación, e de 24 para as que non estean asociadas, reducíndose ata os 13 euros no caso dos cativos de menos de 11 anos. O menú estará composto por polbo con cachelos, churrasco mixto con patacas fritidas e ensalada; torta de Santiago, viño, café e licores. Para poder participar neste xantar, é preciso retirar unhas tarxetas anteriormente. Pódese facer na Casa Fidalgo, no Bar Stop ou na Casa Maestro de Matei, antes do día 9 de agosto.

31 de xullo de 2017 | 14:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.