publicidade hoxe

A Deputación de Lugo financia a I Festa da Xuventude en Begonte con 6.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBegonteLugo
A-
A+

O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, e o Concelleiro de Cultura e Deportes de Begonte, Luís Luaña Castelo, presentaron este martes no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a I edición da Festa da Xuventude de Begonte, que terá lugar o vindeiro 14 de xullo, no Club Fluvial deste municipio. O Goberno da Deputación é a única administración que colabora co Concello na organización desta cita, achegando 6.000 euros. Prevese a participación dunhas 1.500 persoas nesta xornada, que contará con actividades deportivas, culturais e musicais, ademais de degustacións.

Vidal Baamonde destacou que “este tipo de iniciativas dedicadas aos máis novos das vilas son un revulsivo económico e turístico para a comarca da Terra Chá, pois espérase que preto de 1.500 persoas se acheguen este venres ao fermoso enclave natural do Club Fluvial de Begonte para participar nesta primeira edición da Festa da Xuventude. Dende o Executivo Provincial investimos na presente anualidade 330.000 euros para a realización de 71 eventos turísticos, feiras e mercados, en máis de 50 Concellos lucenses, cos que dinamizamos a vida dos nosos municipios, especialmente no rural lugués”.

Esta I edición da Festa da Xuventude comezará ás 17:00 horas no Club Fluvial de Begonte, con actividades deportivas e culturais dirixidas a todas as idades, como gimcanas e xogos tradicionais. Ás 21:30 horas terá lugar a cea de confraternidade, na que se poderá degustar empanada, churrasco e bebida, por 3 euros. Os interesados poden mercar os tíckets para xantar no Concello de Begonte e na recepción do Club Fluvial. A xornada rematará coa verbena a cargo das orquestras Clan Cero e Cinema, ademais dunha discoteca móbil.

12 de xullo de 2017 | 13:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.