publicidade hoxe

A Cidade da Cultura inicia o ciclo de cine ao aire libre cunha homenaxe aos Beatles

A Cidade da Cultura de Galicia pon en marcha este xoves, 13 de xullo, o ciclo de cine ao aire libre no marco do ‘Atardecer no Gaiás’ 2017. A primeira sesión será unha homenaxe a The Beatles polo 50 aniversario do disco ‘Stg. Pepper’s Lonely Hearts Club Band’ cunha pinchada a cargo de Alfonso Espiño e a posterior proxección do documental ‘Eight Days a Week’, que repasa a historia da banda de Liverpool.

‘Atardecer no Gaiás’ arrancará mañá ás 21 horas na praza central cunha selección musical a cargo de Alfonso Espiño, recoñecido músico, DJ e coleccionista de discos. Irredento fan dos Beatles, Espiño achegará ao Gaiás unha mestura de clásicos da banda de Liverpool, así como rarezas e cancións cedidas por Lennon e McCartney a outros artistas, ademais doutros temas nos que se recoñece a pegada do Stg. Pepper’s a través dos tempos.

Tras a sesión musical, os espectadores poderán asistir á primeira sesión de cine deste 2017: o documental ‘Eight Days a Week’, a cinta dirixida por Ron Howard co permiso de todos os membros da banda e das súas familias. O documental repasa a historia de The Beatles e a relación entre os catro mozos que revolucionaron a historia da música con imaxes inéditas dos seus primeiros anos e concertos.

Música brasileira e galega

‘Atardecer no Gaiás’ continuará o venres, 14 de agosto, con Boogarins, banda brasileira que combina, á perfección, a tradición do tropicalismo cunha ollada moderna ao rock cantado en portugués. Na praza central do Gaiás, os Boogarins presentarán o disco sorpresa que veñen de publicar hai tan só uns días: Lá Vem a Morte, que se une aos seus deus traballos anteriores polos que foron nominados aos Grammys Latinos.

O fin de festa do ‘Atardecer no Gaiás’ desta semana será o sábado cun dos conxuntos músico-vogais con máis tirón do panorama musical galego: Familia Caamagno. Na Cidade da Cultura ofrecerán un dos seus afamados e enérxicos shows con cancións que van desde o rock bailongo e acelerado á escuridade garaxeira ou os 60’s máis clásicos.

Todas as citas de ‘Atardecer no Gaiás’ comezan ás 21 horas na praza central da Cidade da Cultura. A entrada é libre e de balde. E o último bus para baixar do Gaiás é o C11 e ten lugar ás 22:45 horas.

12 de xullo de 2017 | 12:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.