publicidade hoxe

A Cidade da Cultura inicia a programación de verán co concerto de Malandrómeda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSantiago de Compostela
A-
A+

A programación de verán arranca este xoves na Cidade da Cultura, co primeiro concerto de Atardecer no Gaiás protagonizado por Malandrómeda e a primeira das sesións das andainas guiadas pola Fundación USC Deportiva Camiño ao Gaiás. Ademais, o venres dará comezo unha nova actividade para os máis pequenos: Unha noite no bosque, na que rapaces de 10 a 13 anos poderán gozar da natureza acampando nos espazos verdes do Gaiás. E o domingo terá lugar o II Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia, no que un total de 14 formacións interpretarán durante vinte minutos o repertorio elixido para a ocasión.

A programación de Verán no Gaiás arrancará oficialmente este xoves ás 21,00 horas coa primeira das actuacións de Atardecer no Gaiás, ciclo de concertos ao aire libre que terá lugar os xoves, venres e sábados ata o 26 de agosto. Malandrómeda, os reis do rap galego, serán os encargados de poñerlle banda sonora ao primeiro solpor musical deste 2017. Rimas de batalla, ritmos imaxinativos e letras cargadas de humor sen prexuízos son os ingredientes da fórmula máxica coa que a banda galega consegue que cada concerto sexa un golpe de enerxía e diversión.

O cartel desta semana de Atardecer no Gaiás complétase coa actuación o 7 de xullo de Fasenuova, a banda de Mieres que encherá a praza central da Cidade da Cultura de sons electrónicos, experimentais e cun tinte pop. E o sábado será a quenda de Carla Morrison, cantante mexicana posuidora de tres Grammys latinos que a converteron nunha das máis importantes figuras do pop alternativo.

Atardecer no Gaiás ten lugar na praza central da Cidade da Cultura ás 21,00 horas, con entrada libre e de balde. Os asistentes contarán cun último bus de baixada ao remate das actuacións: ás 22,45 horas.

Sesión nocturna do Gaiás a Compostela

E para os que prefiran baixar a pé, a Cidade da Cultura ofrece unha alternativa que combina deporte, lecer e patrimonio. Trátase de Camiño ao Gaiás, as andainas guiadas pola Fundación USC Deportiva que este xoves celebra a primeira sesión deste 2017. E farao cunha sesión nocturna que arrancará do Espazo On da Cidade da Cultura e rematará na Praza de Galicia. Namentres, os participantes descubrirán o patrimonio natural e artístico do Gaiás e de Compostela. Camiño ao Gaiás terá lugar todos os xoves de verán ata o 14 de setembro e a entrada é de balde previa inscrición na páxina web da Cidade da Cultura.

O arranque da programación de verán complétase o venres, 7 de xullo, coa primeira sesión de Unha noite no bosque, nas que os máis cativos pasarán unha noite de acampada no Bosque de Galicia tras unha xornada dedicada a coñecer a flora, a fauna, as estrelas e a importancia do patrimonio ambiental. A actividade volverá repetirse o 14 de xullo e o 18 e 25 de agosto. A entrada é de 12 euros (inclúe cea e almorzo) e está á venda no Museo Centro Gaiás e na páxina web de Ataquilla. Ademais, a Cidade da Cultura ofrece unha serie de descontos e promocións que se poden consultar no portal web da Cidade da Cultura.

O Museo Centro Gaiás acollerá o domingo o II Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia, no que un total de catorce formacións interpretarán durante vinte minutos o seu repertorio. O festival comezará ás 10,00 horas e rematará cunha actuación conxunta de todas as agrupacións, que interpretarán sobre o escenario da praza central o Himno Galego. A entrada é gratuíta ata completar o aforo.

Exposicións e visitas comentadas

A programación da Cidade da Cultura para este verán compleméntase cunha importante oferta expositiva coas mostras Da árbore á cadeira, que convida a realizar unha viaxe emocional dos bosques ao deseño contemporáneo; Flor Novoneyra, o testamento pictórico de Antón Lamazares; Balnearia bibliográfica, un percorrido polas augas minerais e termais de Galicia; Vicente Álvarez de Neira, arquiveiro, coa que descubrir a figura do primeiro arquiveiro do Arquivo Xeral e Público de Galicia; e A liña Hejduk de Irma Álvarez Laviada, na que se desvela a terceira torre do Gaiás.

Finalmente, a Cidade da Cultura ofrece este verán a oportunidade de descubrir o complexo deseñado por Peter Eisenman nunhas visitas arquitectónicas de balde que terán lugar de martes a domingo nos meses de xullo e agosto. Será ás 11,00 horas en galego e ás 12,00 en inglés e non é preciso reservar praza.

5 de xullo de 2017 | 14:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.