publicidade hoxe

A Cidade da Cultura experimenta no ‘Atardecer no Gaiás’ cos ritmos de Bareto, C. Tangana e Gustavo Almeida

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A Cidade da Cultura de Galicia celebra esta semana tres novos concertos de ‘Atardecer no Gaiás’ 2017, con música para todos os gustos: da cumbia alternativa de Bareto ao trap de C. Tangana e os ritmos brasileiros de Gustavo Almeida.

‘Atardecer no Gaiás’ arrancará mañá ás 21 horas na praza central coa banda líder da nova escola peruana: Bareto. A banda, nada no 2003, regresa a Compostela tras o seu exitoso paso polo Womex e encherá a Cidade da Cultura coa súa cumbia e música tropical alternativa, novos ritmos que lle valeron dúas nominacións aos Grammys latinos.

Os novos ritmos serán protagonistas tamén o venres, 21 de xullo, da man de C. Tangana, unha das grandes figuras da música urbana nacional. Líder absoluto en Spotify e youtube, o seu hip hop tende pontes cara a outros xéneros como o pop alternativo, a electrónica ou o reggaeton. A festa prolongarase cunha sesión DJ a cargo de Chago.

O último concerto da semana terá lugar o sábado da man de Gustavo Almeida. Rock, funk, reggae… Con tres discos editados e unhas cancións de aires frescos e divertidos, o cantautor nado en Río de Janeiro pero afincado en Pontevedra amosará na praza central do Gaiás o seu directo realista, romántico e versátil.

Todas as citas de ‘Atardecer no Gaiás’ comezan ás 21 horas na praza central da Cidade da Cultura. A entrada é libre e de balde. E o último bus para baixar do Gaiás é o C11 e ten lugar ás 22:45 horas.

19 de xullo de 2017 | 14:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.