publicidade hoxe

A campaña de Medio Ambiente para fomentar a reciclaxe recala na festa do viño de Valdeorras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Barco de Valdeorras
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente apoiase nos distintos eventos festivos que se celebrarán en Galicia durante o verán para concienciar aos galegos sobre a necesidade de reciclar e manter condutas respectuosas co medio ambiente. Así, para acadar este obxectivo, durante a celebración da festa do Viño de Valdeorras o departamento autonómico, en colaboración con Ecovidrio, colocará iglús para a recollida de botellas e todo tipo de recipientes de vidro.

Esta iniciativa completarase co labor informativo que desenvolverá un equipo de monitores formados en ecopatrullas, os que mostrarán aos asistentes pequenos xestos cos que compatibilizar o deleite musical e o esparexemento co coidado do medio ambiente.

Cómpre recordar que esta campaña levarase a cabo nos festexos e citas máis importantes que se celebran en Galicia, en colaboración cos distintos municipios, Ecoembes e Ecovidrio, e está baseada nos criterios fixados pola división de Sustentabilidade das Nacións Unidas, que consideran que un evento de baixo impacto ambiental ten que organizarse tendo en conta diversos aspectos, como reducir ao mínimo as emisións de gases de efecto invernadoiro, como o CO2, e o consumo de recursos naturais, e buscando o beneficio para a comunidade local desde o punto de vista social, ambiental e económico durante e ao finalizar o evento.

Así, mediante esta acción, o departamento autonómico fíxase a tripla finalidade de protexer a biodiversidade e os recursos hídricos, aéreos e solo; sensibilizar aos participantes e evitar a produción de residuos e reutilizar ou reciclar os residuos xerados.

Outros eventos sustentables

Deste xeito, e co fin de lograr a máxima repercusión, esta campaña levarase ás principais citas musicais e festexos que se celebrarán na Comunidade ata setembro, como o Sinsal, Revenidas, SonRías Baixas, Vive Nigrán, O Marisquiño, Cultura Quente, Festa Cidade Europa do Viño, Festival da Luz e as festas e feiras, como a Festa do Pulpo do Carballiño, Festa do Albariño en Cambados, Festa do Marisco no Grove e o San Froilán en Lugo.

A entidade Ecoembes tamén se unirá a moitos destes eventos sustentables e colocará pequenos contedores para segregar o lixo en envases lixeiros (cor amarela) e papel e cartón (contedor azul).

Guía de sustentabilidade

Este tipo de iniciativas mostran o interese do departamento que dirixe Beatriz Mato por converter este tipo de eventos en resortes para o impulso de hábitos de produción e consumo responsables. Para iso, a Consellería de Medio Ambiente está a traballar nunha Guía de eventos sustentables, que se poderá presentar a finais deste ano.

A organización de acontecementos festivos é un momento propicio para incorporar estratexias vinculadas á economía circular e fomentar a responsabilidade social e ambiental en xeral, polo que na guía diferenciaranse diversas categorías: festas e feiras gastronómicas, festivais e outros eventos culturais e de ocio, eventos deportivos e congresos e outros encontros de traballo de grande afluencia, así como reunións de traballo cun número máis reducido de asistentes.

A maiores, a guía incluirá ferramentas prácticas para a planificación e organización, execución, avaliación dos resultados obtidos e comunicación para mellorar os aspectos como a xestión de residuos, dado que os eventos xeran grandes cantidades de residuos (plástico, vidro, papel, materia orgánica e aceites de cocina) é imprescindible aforrar recursos, de aí que os residuos constitúan unha peza fundamental na guía. Incluiranse medidas para mercar as cantidades adecuadas, vaixelas reutilizables, optar por envases de gran tamaño e con menos envase, facilitar a compostaxe (prevención), para comprar material aproveitable para outros eventos… (reutilización) e para instalar colectores para cada fracción, colocación de cinceiros, sinaléctica (separación).

Tamén se pretende mellorar o uso da auga e enerxía, fomentando medidas tan sinxela como o aproveitamento das horas de luz e os espazos abertos e con sombra; a mobilidade; a alimentación, optar por alimentos de produción local, de comercio xusto e con certificación ecolóxica, que contribuirá a reducir o impacto do evento e creará un efecto arrastre nas empresas proverdoras e a poboación, a protección do entorno, evitar as zonas protexidas e as épocas máis sensibles, delimitar ben as zonas as que se pode acceder, protexer fisicamente a flora e a fauna; a avaliación de emisións e compensación do impacto.

13 de xullo de 2017 | 12:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.