publicidade hoxe

A campaña ‘Comercio con Talento’ premia os establecementos vigueses Sémola, Vaidhé e 4 Elementos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, entregou hoxe os premios aos establecementos galardoados en Vigo no marco da campaña da Xunta Comercio con talento, que ten por obxectivo impulsar a innovación e o emprendemento no sector comercial entre o alumnado que recibe formación profesional específica sobre este sector. A pastelería e panadería Sémola, a tenda de roupa e complementos 4 Elementos e Vaidhé Design Shop foron os negocios premiados na cidade no marco desta iniciativa.

No concurso, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, os alumnos estudaron o comercio da súa zona para finalmente seleccionar un negocio. Estas tarefas de busca do establecemento con talento realizáronse baixo a supervisión e control do centro educativo. A continuación, os participantes elaboraron un proxecto sobre o comercio elixido.

Un xurado especializado, formado por técnicos da Xunta e expertos en materia de comercio, escolleu os nove comercios con máis talento de Galicia de entre os propostos e fixo unha preselección de 5 proxectos que se publicou no Facebook do Portal do Comerciante para que un dos dez premios fose decidido polo número de me gustas recibidos. Os alumnos autores dos proxectos gañadores reciben como premio un iPad mini.

Sémola, proposto por Celia González, do IES A Guía, é unha pastelería e panadería artesá que xa conta con tres establecementos e obradoiro propio en Vigo. Destacan pola proximidade no trato ao cliente e a innovación nos seus produtos, así como a aplicación da creatividade na súa estratexia de marketing, ao tempo que apostan pola sustentabilidade e respectan os procesos tradicionais.

4 elementos, cuxa candidatura foi presentada por Juan José Freire, do IES A Guía, é unha tenda multimarca dedicada á venda de roupa e complementos de estilo retro-vintage con comercios en varios puntos da xeografía galega. Destaca tamén polo emprego das novas tecnoloxías e a presenza nas redes sociais.

No caso de Vaidhé Design Shop, escollido a proposta de Miriam Cremona, do Colexio Mendiño, é un comercio localizado no casco vello de Vigo dedicado á venda de artigos únicos ou con produción reducida. A moda, a xoiería, os libros, a decoración e a ilustración teñen oco neste espazo comercial que aposta por creadores e deseñadores independentes que tratan de facerse un oco no mercado.

5 de xullo de 2017 | 14:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.