publicidade hoxe

A axenda exterior do Goberno galego centrouse na busca de novas oportunidades para as empresas galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, destacou esta mañá no Parlamento a preeminencia do factor económico na axenda exterior da Xunta nestes seis primeiros meses do ano, especialmente á do presidente Alberto Núñez Feijóo que tiveron como destino as dúas prioridades da nosa acción exterior, Portugal e a Unión Europea, destacando a visita a China de marcado contido económico e comercial.

Gamallo compareceu na Cámara galega para dar conta dos obxectivos, a axenda e os resultados das viaxes institucionais realizadas ao estranxeiro, tal e como fai cada semestre, en cumprimento do Código ético institucional de viaxes da Xunta.

Segundo explicou o director xeral, nesta primeira metade do ano “a acción exterior do Goberno galego descansou sobre tres grandes piares, que atinxen a busca de oportunidades exteriores para os nosos sectores produtivos, a defensa dos nosos intereses na Unión Europea e a atención a nosa diáspora, sen desbotar outras motivacións, como a promoción turística, cultural e institucional”.

Axenda do presidente da Xunta

A primeira das viaxes do presidente ao exterior foi a Porto o pasado 18 de abril, convidado polo seu alcalde, Sr. Rui Moreira e pola Associação Comercial do Porto, e onde a cidade portuguesa rendeulle unha especial homenaxe a Galicia coa imposición da Medalla de Honra que simboliza a mellora permanente nas relacións luso-galaicas e a aposta por unha maior cooperación transfronteiriza, así como reforzar conxuntamente a cooperación con Latinoamérica, e seguir reforzando e intensificando a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

O 15 de maio, o Presidente da Xunta estivo en Braga, co gallo do XI Plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, da que asumiu tamén a súa Presidencia, acompañado polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. A finais dese mesmo mes viaxou a Bruxelas, onde mantivo entrevistas cos comisarios de Investigación, Ciencia e Innovación, e de Acción polo Clima e Enerxía. Miguel Arias. Tamén se entrevistou co Director Xeral de Asuntos marítimos e pesqueiros da Comisión Europea, Sr. Joâo Aguiar Machado, ao que lle lembrou a transcendencia do sector pesqueiro para Galicia, e tratou asuntos como o Brexit, que afecta en primeira instancia a máis de 105 buques galegos no Gran Sol e nas Malvinas, con arredor de 1.700 tripulantes galegos, e que implica un volume de negocio de máis de 250 millóns de euros.

A última das viaxes do Presidente neste semestre foi á República Popular Chinesa, entre os días 9 e 16 de xuño, sendo a primeira viaxe oficial dun Presidente galego a China. Segundo explicou Gamallo, os obxectivos da viaxe foron dinamizar as relacións coas empresas chinesas radicadas en Galicia; contactar con outras grandes empresas e institucións chinesas para ofertar Galicia como localización axeitada para implantar as súas empresas en Europa; impulsar a grandes empresas galegas do sector da alimentación e asociacións para a súa introdución ou consolidación no mercado chinés; apoiar a celebración do salón de produtos agroalimentarios galegos en Shanghai, onde participaron máis de vinte empresas galegas do sector da alimentación; e finalmente dinamizar o turismo chinés en Galicia, dacordo co plan impulsado por Turismo de Galicia.

Nuñez Feijóo, desprazouse a Shangai, Pekín e Louyang, e cómpre salientar que mantivo unha xuntanza cun dos maiores provedores de produtos agrícolas do mundo, COFCO, e co grupo JD.com a segunda plataforma de venda on-line de China, o que reflexa que a nivel empresarial, esta visita abriu importantes oportunidades, franqueando ás empresas galegas as portas do “mercado máis grande do mundo”, e ofertando a posibilidade de captar novos investimentos para Galicia. O director xeral indicou que se comprometeu a visitar Galicia o grupo pesqueiro Shanghai Fisheries, propietario do grupo conserveiro Albo.

Ademais da vertente empresarial da viaxe, o presidente da Xunta tamén mantivo diversas reunións institucionais, entre as que destacou a xuntanza co viceministro do Departamento Internacional, unha das figuras máis relevantes de Administración chinesa para definir a súa política exterior, e co vicealcalde de Shanghai, a primeira cidade do país a nivel financeiro e económico. Debo lembrar que a República popular Chinesa conta con 1.370 millóns de habitantes e Shanghai con 24 millóns.

Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda estivo en Porto o 17 de febreiro e o 23 de xuño, para afondar na mellora no tratamento das emerxencias transfronteirizas. Posteriormente, os días 24 e 25 de xuño, acompañado polo Secretario Xeral de Emigración, para reforzar os lazos coa diáspora galega estivo en Núremberg e Londres. Posteriormente, asistiu ao Padroado da Fundación Galicia Europa en Bruxelas o 26 e 27 de xuño, onde se decidiu levar a cabo un seguimento do impacto do Brexit en Galicia, preparar a nova rolda negociadora sobre a política da cohesión post 2020 e apoiar o proxecto do Corredor Atlántico.

Caben destacar as viaxes do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a París, do 10 ao 12 de abril, acompañado polo Secretario Xeral de Política Lingüística e polo Director da Fundación Cidade da Cultura, para visitar o Centro de Estudos Galegos da Universidade da Sorbona e coordinar as súas actividades, así como inaugurar a exposición de José Suárez no Instituto Cervantes da capital francesa, e do conselleiro de Política Social a Río de Janeiro do 24 ao 28 de marzo, para ocuparse da problemática dos nosos cidadáns residentes no Brasil, mantendo encontros coa directiva do hospital español, asinando un convenio de colaboración coa casa de España para as necesidades socio-asistenciais básicas dos galegos que o requiran e tamén coa Associaçao de Recreio dos Anciaos de Río.

Finalmente, a conselleira do Mar, tamén se desprazou a Bruxelas o 26 e 27 de xuño para asistir ao Fórum da Cohesión, convidada pola Comisión Europea para expoñer a execución do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. O secretario xeral de Emigración, que por motivos sempre relacionados coas súas responsabilidades cara á nosa diáspora visitou Alemaña, Venezuela, Arxentina, Uruguai, Suíza, Brasil, Cuba, México, Chile, Alemaña. A directora de Turismo de Galicia, ademais de acompañar ao Presidente á República Popular Chinesa, estivo en Berlín do 7 ao 9 de marzo para asistir á Bolsa Internacional de Turismo (Tourism Internationale Börsem).

14 de xullo de 2017 | 14:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.