publicidade hoxe

Un total de 100.000 cativos beneficiáronse de dúas campañas de consumo de produtos do mar da Xunta desde 2010

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Rosa Quintana na IV Conferencia Internacional Arvi

Rosa Quintana na IV Conferencia Internacional Arvi

As campañas O sabor da aventura está no mar e Ponlle as pilas ao teu bocata, destinadas a promover o consumo de produtos do mar entre a poboación infantil, chegaron desde o ano 2010 a un total de 100.000 nenos e nenas de Galicia. Así o destacou esta mañá en Vigo a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante a inauguración da IV Conferencia Internacional Arvi sobre o futuro da pesca A educación nutricional de hoxe é a base dun futuro saudable.

A titular de Mar explicou que O sabor da aventura está no mar busca transmitir aos escolares a importancia dos produtos do mar na dieta e Ponlle as pilas ao teu bocata é un programa destinado a fomentar o consumo da conserva de produtos do mar. Estas dúas campañas, engadiu, forman parte do programa Aliméntate ben do Plan Proxecta impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e delas “sentímonos moi orgullosos, xa que foron seleccionadas pola FAME Support Unit da Unión Europea como mellores prácticas financiadas con fondos da UE”.

Neste sentido, Rosa Quintana sinalou que dende o ano 2010 a Xunta destinou a estas iniciativas preto de 3 millóns de euros. Unha cantidade, incidiu, destinada “ao mellor beneficio desta liña de acción”, que é a mellora da concienciación dos nenos e nenas sobre a súa alimentación alentando o consumo de produtos do mar.

Por outra banda, a conselleira destacou un terceiro programa denominado Do mar ao prato, deseñado para os centros públicos e privados de ensinanza de hostelería de Galicia. Esta iniciativa, expuxo, realiza ao longo do curso escolar un tratamento global, teórico e práctico de todo o ciclo que percorren os produtos do mar, é dicir, das fases de extracción, distribución, transformación, comercialización e consumo. Con este programa, engadiu, “a Xunta dota aos futuros profesionais da gastronomía galega de amplas capacidades relacionadas co coñecemento necesario e profundo do produto de Galicia, a súa industria e a súa cadea de comercialización”.

Unhas capacidades que tamén poden enriquecer con exemplos de como realizar ese labor, un deles o de Pepe Solla, a quen Rosa Quintana agradeceu a súa presenza na xornada e o seu traballo. Tamén agradeceu a Arvi a organización desta conferencia internacional e “o seu esforzo e interese por poñer enriba da mesa un tema de tanta relevancia para o noso país e especialmente para a xuventude”.

Ademais tivo palabras de agradecemento para os ponentes que participan na conferencia como o oficial da industria da pesca na FAO, Jogeir Toppe e a responsable de educación alimentaria e nutricional no departamento de Educación Nutricional do Instituto Nacional de Saúde e Nutrición de Xapón, Kayo Kurotani.

Neste sentido, a titular de Mar destacou ao país asiático como exemplo a seguir no eido da nutrición. Así, incidiu en que na Xunta de Galicia “apostamos por fomentar actividades que repercutan favorablemente no desenvolvemento do sector e da industria pesqueira da nosa terra, impulsando accións promocionais e divulgativas que involucren a diferentes sectores”.

A conferencia de Arvi

A IV edición da Conferencia Internacional ARVI sobre o Futuro da Pesca céntrase en dous obxectivos. Un é o de garantir que a seguridade alimentaria sexa un factor relevante a ter en conta conxuntamente cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable. O outro obxectivo é o de destacar a importancia que ten a educación nutricional para a poboación mundial, xa que contribuirá a reducir os factores de risco relacionados coa saúde e a que as xeracións actuais poidan ter unha esperanza de vida mellor.

Para abordar estes aspectos, a conferencia conta con especialistas de varios países, en particular de Xapón. Estes participantes axudarán aos asistentes a encontrar o referente (benchmarking) que poida servir de guía para que en España, e de forma xeral en Europa, se poñan en marcha os cimentos dun Sistema Nacional de Educación Nutricional que permita difundir unha dieta sa e equilibrada entre toda a poboación.

22 de xuño de 2017 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.