Un grupo de operadores turísticos brasileiros visitan Galicia para coñecer o Camiño de Santiago
Un grupo de axentes de viaxes de Brasil comeza hoxe a súa estadía na Comunidade galega para coñecer parte das rutas do Camiño de Santiago ao obxecto de incluír o destino Galicia na súa programación de viaxes turísticas.
Os axentes que participan nesta actividade organizada por Turismo de Galicia pertencen aos operadores Adventure Club, Alatur JTB/55 Destinos, MMT Gapnet, Pisa Trekking, e Venturas.
Nesta viaxe de familiarización, os operadores de Brasil poderán coñecer durante estes días varias contornas monumentais e a cultura asociadas á Ruta xacobea así como outros recursos turísticos galegos relacionados coa gastronomía e a natureza.
Peregrinos brasileiros
No ámbito da demanda turística, a oferta turística galega mantén o seu atractivo en Brasil, tanto pola proximidade do idioma como pola variedade dos seus recursos, entre os que destacan a enogastronomía e o Camiño de Santiago.
Precisamente, Brasil, con preto de 4.365 peregrinos ocupou en 2016 o décimo lugar como país estranxeiro máis activo no Camiño de Santiago.
No que vai de ano, o número de brasileiros que fixeron o Camiño medrou un 18,8% en relación ao mesmo período do ano anterior.
Ademais, en termos de demanda, o mercado americano –agás os Estados Unidos- rexistrou en 2016 máis de 136.000 viaxeiros aloxados e de 251.000 pernoitas nos establecementos regrados de Galicia, o que representa o 11,0% do total internacional.
Este mercado amosou un comportamento positivo en 2016, xa que superou nun 15,8% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 13,8% o nivel de pernoitas do anterior ano.