publicidade hoxe

Un cento de obradoiros artesáns e postos de alimentación participarán no corazón da Artesanía de Agolada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgoladaCalendarioLocal Portada
A-
A+

O VI Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia. Corazón da Artesanía, que se celebrará nos Pendellos de Agolada do 7 ao 9 de xullo, contará coa participación dun total de 50 obradoiros artesanais, que representan a 23 oficios tradicionais diferentes, e 50 postos de alimentación.

O encontro, consolidado como a feira de referencia do sector, contará con 33 postos de exposición e venda de produtos de artesanía, mentres que os restantes artesáns serán os encargados dos diferentes obradoiros e talleres. Entre os profesionais que participan por primeira vez están Olería Rulo (Buño, Malpica de Bergantiños), Taller de Fer (Santiago de Compostela) e Senda Coiro (A Pobra de Brollón), no tocante á marroquinería; mentres que no ámbito da xoiaría se incorporan Ricardo Rivas (Santiago de Compostela), Carla Alfaia (A Coruña), e Ferraxe de Prata (Santiago de Compostela). En bixutería súmase Maridovi Creacións (Cambre), e en ebanistería e xoguetes Lorenzo Design (Santiago de Compostela), mentres que Xermán Arias (Sarria) é o novo representante dos instrumentos musicais.

No tocante aos postos alimentarios de calidade haberá espazo para conservas, licores, mel ou doces, asistindo por primeira vez 18 das empresas participantes. Ademais, haberá diferentes food trucks na praza da vila para complementar a oferta gastronómica. Non faltará á súa cita a oferta de Artesanía no prato, con diferentes showcookings nos que a alta cociña se servirá en pezas de 14 obradoiros de Artesanía de Galicia.

Na programación musical que complementará o encontro inclúense as actuacións de Galifunk Brass o venres ás 22:30, e Radio Cós o sábado á mesma hora. A actuación da Banda Municipal de Agolada será o sábado ás 13 horas, e o pasarúas do grupo de Agolada Bico da Balouta ese mesmo día ás 18 horas. O domingo amenizará a sesión vermuto a agrupación folclóriga Cantigas e Agarimos e ás 19:30 terá lugar a actuación do Coro Tradicional e Grupo de Baile de Cantigas e Agarimos.

O Corazón da Artesanía en Agolada converteuse nestes anos vida nun espazo de diálogo entre a artesanía, o deseño, a arquitectura e moda, de reflexión sobre o proceso creativo e de novas propostas sobre a interacción da artesanía no desenvolvemento do rural. Oficios tradicionais, gastronomía e música irán de novo da man nunha cita xa consolidada á que asistiron o ano pasado máis de 8.000 visitantes.

27 de xuño de 2017 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.