publicidade hoxe

Sométese a información pública o trazado da nova circunvalación das Pontes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs PontesLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado da reordenación do sistema viario do núcleo das Pontes de García Rodríguez, para o cumprimento por parte da central térmica da Directiva 2010/75/UE, sobre emisións industriais.

O proxecto sométese ao trámite de información pública durante un período de trinta días hábiles, contados a partir de mañá, para que as persoas que o consideren oportuno poidan formular por escrito, ante a Axencia Galega de Infraestruturas, as observacións que crean convenientes. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio: goo.gl/dMUJUW

As novas instalacións da empresa ocuparán un treito dunha estrada autonómica, a cambio do cal Endesa investirá case 4 millóns de euros na construción de novas infraestruturas viarias ao servizo dos veciños.

Esta actuación é clave para o futuro dunha empresa estratéxica para a vila, xa que lle permite acometer as transformacións necesarias para ser menos contaminante e cumprir coa normativa comunitaria sobre emisións industriais, o que lle posibilita poder prolongar a vida útil das súas instalacións e manter a actividade nas Pontes máis alá do ano 2020.

Con este propósito impúlsase a execución dunha nova vía que servirá de circunvalación do núcleo urbano das Pontes, separando a área industrial da zona residencial e mantendo, ao mesmo tempo, a conexión existente coa Autovía Ferrol-Vilalba. Así, construirase unha nova estrada alternativa á actual AC-861 que dará acceso ao núcleo das Pontes, de aproximadamente 1 km de lonxitude. O actual treito da estrada autonómica que discorre entre a central térmica e o ciclo combinado de gas converterase nunha vía de servizo de uso exclusivo para a central térmica.

Paralelamente, executarase unha rede de sendas de 2,5 km que garantirán a mobilidade sustentable dos veciños, con métodos alternativos á utilización do vehículo particular, a pé ou en bici. Ademais, construirase un aparcadoiro disuasorio nas inmediacións da Fundación Axencia Enerxética que estará, á súa vez, comunicado coa rede de sendas.

O Goberno galego, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, asume a supervisión e aprobación dos proxectos, así como na execución das obras necesarias para levar a cabo o seu ambicioso proxecto.

Unha vez executadas as obras, a Consellería de Facenda realizará os trámites necesarios para a transferencia a Endesa da titularidade dos terreos afectados pola actuación, así como do treito da actual estrada autonómica que pasará a ser de uso exclusivo da central.

13 de xuño de 2017 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.