publicidade hoxe

Rosa Quintana explicará en Bruxelas as claves galegas no aproveitamento do investimento público destinado ao mar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participará o vindeiro luns, 26 de xuño en Bruxelas no VII Foro de Cohesión da Unión Europea. A titular de Mar foi convidada a participar neste evento pola Dirección Xeral de Política Rexional da Unión Europea (DG Regio), que organiza o foro, para expor o exemplo de Galicia na inversión de fondos europeos no eido do mar.

A titular de Mar intervirá no obradoiro 3 (WS 3), relacionado co máximo aproveitamento do investimento público, que terá lugar a partir das 17:00 horas na sala Mansholt do edificio do edificio Charlemagne da Comisión Europea, que albergará o evento. Alí exporá as claves de Galicia no aproveitamento do investimento público destinado ao mar e a importancia que teñen para a comunidade autónoma galega os fondos sectoriais destinados á pesca. Á súa vez tamén dará conta do peso que ten Galicia no Fondo Europeo e Marítimo de Pesca (Femp).

Este obradoiro no que participará a titular de Mar será moderado pola presidenta da Comisión de Desenvolvemento Rexional do Parlamento Europeo, Iskra Mihaylova, e o discurso inicial correrá a cargo do comisario de Medio Ambiente, Asuntos Marítimos e Pesca, Karmenu Vella. Ademais da conselleira do Mar, que será a última en participar, intervirán o Vicepresidente do Banco Europeo de Investimento, Vazil Hudák; a ministra de Desenvolvemento Rexional da República Checa, Karla Šlechtová, e a Ministra de Estado para Asuntos Europeos e Relacións Rexionais do estado libre de Bavaria (Alemaña), Beate Merk.

O Foro de Cohesión é un acontecemento político a grande escala centrado nos maiores desafíos da política de cohesión europea e que se celebra cada tres anos. Este ano terá lugar o 26 e o 27 de xuño e reunirá a máis de 700 persoas, incluídos representantes de alto nivel das institucións europeas, Gobernos centrais, representantes rexionais e locais, interlocutores económicos e sociais, ONG e académicos.

Así, os encargados de pronunciar as principais intervencións serán o presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, e o presidente do Parlamento Europeo, Antonio Tajani. Ademais haberá unha serie de discursos de presentación adicionais, tres debates de expertos e tres talleres paralelos sobre cuestións relacionadas co futuro de Europa e os Fondos Estruturais e de Investimento Europeos. Nun destes talleres é no que participará Rosa Quintana.

O obxectivo deste evento é que os responsables políticos, as partes interesadas e os profesionais debatan sobre como as políticas da UE poden mellorar as condicións de vida e as oportunidades dos cidadáns europeos. Neste sentido, servirá de apoio aos preparativos dos Fondos Estruturais e de Investimento Europeos do marco posterior a 2020. Ademais prevese que as conclusións do debate cos representantes da sociedade civil sirvan de apoio ao Sétimo Informe de Cohesión.

23 de xuño de 2017 | 13:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.