publicidade hoxe

Preséntase en Malpica unha guía de boas prácticas en prevención de riscos laborais específica para as redeiras

Covadonga Toca na presentación da guía. Foto: M. Fuentes

Covadonga Toca na presentación da guía. Foto: M. Fuentes

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, presentou hoxe en Malpica a guía de boas prácticas en prevención de riscos laborais específica para as redeiras, que elaborou o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) co obxectivo de mellorar a saúde deste sector formado nun 99% por mulleres, un colectivo prioritario nas políticas activas de emprego da Xunta.

A publicación, da que se difundirán máis de 100 exemplares, e a Federación Galega de Redeiras distribuirá entre as asociacións federadas, desenvolveuse a partir dun estudo médico epidemiolóxico realizado a 112 redeiras das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra, que contou coa participación e implicación de confrarías, federación e asociacións de redeiras, e as propias traballadoras.

Tras o desprazamento dos médicos ás confrarías e asociacións para coñecer o oficio, identificar os seus principais riscos e as condicións de traballo, elaborouse un protocolo médico específico. As redeiras, entón, realizaron nos centros do ISSGA os recoñecementos médicos dos que se emitiron informes individualizados cos resultados do exame e as recomendacións e consellos sanitarios. A raíz deste estudo, analizáronse os datos e elaborouse a guía con conclusións e propostas preventivas.

O documento presentado hoxe recolle os principais riscos laborais, os efectos sobre a saúde e consellos útiles para previlos. Os riscos neste sector están asociados na súa gran maioría a doenzas relacionadas con trastornos músculo esqueléticos cunha orixe na carga física, ao que se suma as condicións de traballo como os movementos repetitivos, posturas forzadas e mantidas no tempo, manipulación de cargas e aplicación de forzas.

Toca destacou que a elaboración desta guía forma parte da nova Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020, que inclúe un total de 163 medidas para reducir a sinistralidade laboral e consolidar a cultura preventiva no tecido empresarial e entre os traballadores. Así mesmo, fixo fincapé en que a prevención de riscos laborais ten que ser “unha actuación de todos”.

A nova Estratexia

Entre as 163 medidas da nova folla de ruta en materia de seguridade laboral destaca o reforzo á especial atención que xa presta a colectivos específicos como son, entre outros, as mulleres embarazadas ou en período de lactación, traballadores de idade avanzada ou aqueles menores de 18 anos, autónomos, empregados temporais, con pouca experiencia laboral ou persoas con capacidades diferentes.

Con respecto ás mulleres, tamén se considerarán de xeito especial riscos específicos neste colectivo como poden ser os trastornos musculoesqueléticos ou certos tipos de cancro, ao tempo que se impulsará a integración da perspectiva de xénero en todos os aspectos relacionadas coa prevención, en especial naqueles sectores con maior presenza das mulleres. Así mesmo, Toca puxo en valor que a través da nova Estratexia crearase unha comisión técnica para estudar os riscos emerxentes, como pode ser o caso das actividades vinculadas ás novas tecnoloxías da comunicación e á nanotecnoloxía, ao tempo que se incorpora unha liña dirixida ás posibilidades de innovación no eido da prevención.

O Goberno galego, ademais, potenciará unha formación de calidade en prevención, incluíndo ao alumnado dos ciclos de formación profesional con cualificación básica antes de iniciar as súas prácticas, e apostarase pola redución de trastornos musculoesqueléticos, a través do Mapa do risco ergonómico de Galicia que vén de elaborar a Consellería. Outra das medidas que se contemplan é o desenvolvemento de estudos de investigación relacionados co estrés laboral ao abeiro do Acordo Marco Europeo. A formación permanente do empresariado, autónomos ou técnicos de prevención é outra das medidas da folla de ruta.

A Xunta con esta Estratexia, segundo explicou Toca, afianza as súas políticas de seguridade e saúde laboral reforzando a coordinación de todos os actores implicados e consolidando ao ISSGA como órgano técnico especializado na materia e impulsando as funcións propias da Inspección de Traballo e Seguridade Social no eido preventivo. A Xunta, en palabras de Toca, busca a integración definitiva da prevención no sistema de xestión das empresas galegas.

20 de xuño de 2017 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.